
O encontro audiovisual está programado para a primeira fin de semana de setembro, aínda que entre o 20 e o 23 de agosto van desenvolverse dous obradoiros formativos que xa teñen abertas as inscricións
Na fin de semana do 5 ao 7 de setembro, San Sadurniño estará metido de cheo na décima edición do Chanfaina lab. Equipos formados por xente de dentro e fóra do municipio percorrerán o territorio filmando historias de todo tipo -ficción, documental, experimental, etc.-, cámara en man como fixera no primeiro terzo do século XX o intelectual Alfonso Piñón Teixido, máis coñecido polos seus alcumes xornalísticos de Bernardino de Lamas ou Luis de Narahío. A décima edición do encontro audiovisual dedícaselle a el precisamente, cun cartel de Leandro Lamas ambientado no Pico de Ferreira que lle rende tributo á faceta de Piñón como camiñante incansable e como “cineísta” que deixou ducias de valiosas películas sobre os lugares que percorría.
Na edición deste ano do Chanfaina lab confirmaron a súa participación Carlos Amil, Ángela Arnosa, Milagros Bará, Bieito Beceiro, Rocío Campoy, Gon Caride, Brandán Cerviño, Area Erina, Pablo Fontenla, o propio Leandro Lamas acompañado do músico e creador visual Roberto Grandal, Fran da Lobeira, Kevin Lorenzo, Iago Lourido, Pablo Martínez, Álvaro Núñez, Enrique Otero, Anxo Pena, Irene Pin, Cruz Piñón, Gala Rodríguez, Abel Vega e os colectivos NaraíoMedia, A Riqueira, The Sungirls e Teño unha horta.
Son cerca de medio cento de persoas entre amadoras, profesionais incipientes e realizadoras e realizadores con grande experiencia que se xuntan durante tres días para compartiren o reto creativo que lanza o Chanfaina: facer unha peza breve con total liberdade temática e estilística sen sobrepasar os límites municiais.
As participantes irán chegando na tarde do venres 5 de setembro para acomodarse e recibiren algunhas nocións sobre San Sadurniño que lles axuden a sacar adiante os seus proxectos. O programa público comezará ese mesmo día ás 19:00h na Casa da Cultura coa “Eira de cineastas”, que é o encontro de arranque de cada edición onde as creadoras e creadores se presentan e comentan as súas preferencias creativas. Pola noite, ás 23:45h, o Café-Bar Dzine acollerá un concerto do grupo Nebra, como parte da programación DinamizarTJ dos convenios para a Transición Xusta.
O sábado 6 será o día en que a maioría de equipos se despregarán polo territorio para gravar os seus proxectos, algo que moitos afrontan como unha aventura, na confianza de que as historias aparezan -e sempre aparecen-, mentres que outros acometen cun planning moi meditado e madurado durante semanas arredor dunha idea inicial que, malia todo, tamén pode cambiar, ser reconducida ou desbaratarse en tan só un minuto por xurdir algún enfoque ou fío novo do que tirar moito máis potente. Isto último, o da idea inicial que cambia sobre a marcha, é unha constante que se repite en todas as edicións do Chanfaina lab, e o cambio é sempre para mellor.
Volvendo ao programa, o sábado ás 17:00h, o local social de Lamas acollerá a presentación do libro O cineísta andarengo. A propósito de Bernardino de Lamas, escrito por Manolo González. O promotor do Chanfaina asina a biografía deste activista cultural e político nado en Ferrol en 1887 que, ademais, lle dá nome ao premio impulsado o ano pasado no noso encontro audiovisual. A presentación do libro estaba prevista inicialmente para o domingo pola mañá na Libraría Brétema -así vai recollido no boletín informativo Novas-, pero un cambio de última hora motivou o seu adianto á tarde do sábado no novo emprazamento.
Trala presentación do libro de González, a actividade volverá á Casa da Cultura, onde se proxectará ás 19:30h con entrada libre a película Antes de Nós, da tamén chanfaineira Ángeles Huerta. O filme é unha mirada ao Castelao máis humano e á relación que mantiña coa súa dona, Virxinia Pereira, en dous momentos clave das súas vidas. O pase encádrase nos actos do Ano Castelao e irá seguido dun coloquio co guionista do filme, Pepe Coira, e co profesor e investigador Manolo Rei, autor do libro Castelao, desta terra e deste tempo.
O domingo non hai previstas actividades para o público, aínda que os equipos seguirán filmando por San Sadurniño as súas pezas.
Obradoiros con Kevin Lorenzo e Iago Lourido
A programación do X Chanfaina lab completarase con dous obradoiros formativos previos ao evento: un de dirección de fotografía, impartido por Iago Lourido os días 20 e 23 de agosto; e outro de dirección de fotografía, a cargo de Kevin Lorenzo, os días 21 e 23. Ambos desenvolveranse na Casa da Xuventude de 16:00 a 20:00h.
A segunda xornada será compartida co obxectivo de que as persoas participantes en ambos cursos acelerados poidan poñer en práctica e compartir os coñecementos adquiridos. Para apuntarse nestas actividades, ambas gratuítas, hai que chamar ao 711 731 727 (Kevin) ou 684 131 261 (Iago).
O Chanfaina lab é unha iniciativa do Concello de San Sadurniño que conta con apoio da Área de Cultura da Deputación da Coruña, ademais de incluír este ano unha actuación musical do programa DinamizARTJ dos Convenios da Transición Xusta.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.