Tuesday 12 de August de 2025

Éxito rotunda da XXXI edición de Alfaroleiros


A intensa calor destes días foi unha aliada para converter a XXXI edición de Alfaroleiros nunha das máis visitadas de toda a historia. O frescor das árbores do Parque Luis Seoane axudou a diminuír a sensación térmica.

Un ano máis, a orixinal e auténtica Feira Alfaroleiros encheu de vida as rúas de Santa Cruz nestes primeiros días de agosto. O mércores abría co Parque Luis Seoane completamente cheo de pezas de barro: produtos de múltiples tamaños, prezos e funcións, desde as máis operativas na cociña de hoxe, como viratortillas, ensaladeiras, cuncas, tazas ou xerras, até pezas decorativas, creativas, luxosas ou exclusivamente dedicadas a representar algún aspecto do Concello de Oleiros. Un escaparate único para que calquera visitante puidese levar un recordo especial desta feira con tanta personalidade.

A presenza de visitantes foi constante ao longo dos cinco días, tanto en horario de mañá como de tarde, e todas as actividades paralelas rexistraron unha alta participación. A feira respondeu, coma sempre, á súa función socioeconómica e turística, ao converter Santa Cruz en visita habitual para moitas persoas que gozan da artesanía e a cultura, pero tamén da paisaxe, a gastronomía e as hospedaxes da contorna.

Resulta imposible saber con exactitude cantas pezas se venderon, pero hai un dato que fala por si só: as 6.000 bolsas oficiais da feira, repartidas entre os alfares para entregar as súas creacións, esgotáronse antes do remate. Isto confirma que as vendas se contaron por milleiros, o que representa un importante impulso económico para o sector artesán. Armando Moita Domingues, alfar procedente de Coimbra (Portugal), sinalou que só nos dous primeiros días de feira, xa vendera máis que en toda a edición anterior. Todo un éxito.

Hai máis de trinta anos, o Goberno municipal ideou esta fórmula como unha maneira de apoiar a continuidade dos obradoiros tradicionais de barro, nun momento en que o auxe doutros materiais (como os plásticos) fixera que estas pezas pasasen de ocupar un lugar destacado nos fogares a seren case testemuñais.

A feira está máis que consolidada como unha cita indispensable para a posta en valor da olería tradicional. O Concello continúa a apostar con forza por este evento como unha forma de preservar a memoria cultural e garantir que os obradoiros artesáns sigan vivos, ofrecendo ás novas xeracións un contacto directo cun legado que forma parte da identidade colectiva oleirense.

Deja un comentario