Tuesday 12 de August de 2025

Belén do Campo participa na entrega de premios da 29ª edición do Autocross de Arteixo


A delegada da Xunta salientou o excelente nivel que existe no automobilismo en Galicia, subliñando o talento e compromiso das e dos deportistas que participan nesta disciplina

A delegada da Xunta, Belén do Campo, acompañada polo alcalde de Arteixo, Carlos Calvelo, participou, este domingo, na entrega de premios da 29ª edición do Autocross de Arteixo, unha das citas máis destacadas do calendario nacional, puntuable para o Campionato de España de Autocross Loterías e no que participaron pilotos internacionais de Portugal Alemania, Polonia e Italia. No acto fixéronse entrega dos galardóns ás persoas gañadoras nas diferentes categorías, nunha xornada marcada pola emoción e o alto nivel competitivo.

A representante do Goberno galego salientou o excelente nivel que existe no automobilismo en Galicia, subliñando o talento e compromiso das e dos deportistas que participan nesta disciplina. “O automobilismo galego goza dunha saúde envexable, grazas ao esforzo de pilotos, clubs e organizadores, que fan posible que a nosa comunidade sexa un referente a nivel estatal”, sinalou.

Así mesmo, puxo en valor o apoio que desde a Xunta de Galicia se lle presta ao deporte do motor, a través de diferentes liñas de axudas que, no ano 2025, superan os 500.000 euros, unha cifra que reafirma o compromiso do Executivo autonómico co desenvolvemento do deporte base e de competición.

A delegada tamén quixo destacar a importancia que o automobilismo ten na provincia da Coruña, que no ano 2024 contou con 27 clubs e 1.684 deportistas federados nesta modalidade. “Estes datos reflicten non só a paixón polo motor en Galicia, senón tamén a relevancia económica, social e deportiva que ten esta práctica na nosa comunidade”, indicou.

Por último, trasladou os seus parabéns ao equipo organizador do Autocross de Arteixo, recoñecendo o excelente traballo levado a cabo na preparación desta edición. “Cada ano, esta proba mellora na súa organización e no seu nivel, consolidándose como unha cita imprescindible do calendario nacional. Desde a Xunta animámosvos a seguir por este camiño, porque Arteixo gañouse un lugar destacado como sede de probas puntuables de gran prestixio, e ten un gran futuro por diante”, concluíu.

O Autocross de Arteixo volveu congregar a milleiros de afeccionadas e afeccionados que desfrutaron dun espectáculo deportivo de primeiro nivel, consolidando unha vez máis o seu prestixio e tradición dentro do automobilismo español.

Deja un comentario