A Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia, dependente da Consellería do Medio Rural, organizou nese período un total de 26 actividades formativas
Un total de 1.930 persoas participaron durante o bienio 2014/2015 nas accións formativas desenvolvidas pola Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia (EVEGA), dependente da Consellería do Medio Rural. Foron 26 as actividades de formación impulsadas por este centro, no contexto dun labor formativo baseado en tres piares básicos: por un lado, o Plan de Transferencia para o Agro Galego; por outro, o Plan de formación propiamente dito e, por último, os convenios de formación continua con centros de Formación Profesional, en concreto os IES Ribeiro (Ribadavia) e Ramón Cabanillas (Cambados).
As temáticas abordadas nestas accións formativas cobren todo o amplo abano de cuestións de interese para un sector dinámico coma o vitivinícola. Así, tratáronse aspectos como a viticultura ecolóxica e de precisión, viños de garda, calidade dos augardentes, defectos do viño, técnicas de cultivo, iniciación á cata de viños ou as enfermidades da madeira. Fíxose tanto en xornadas técnicas específicas como en talleres prácticos e cursos de formación. Neste contexto, cabe salientar a organización do I Congreso de Investigación en Viticultura e Enoloxía de Galicia que convocou, o 23 de xuño de 2015 en Ourense, a 15 grupos de investigación de centros públicos e universitarios.
Ademais, no marco dos convenios de Formación cos ciclos de Elaboración de Aceites e Viños impartidos nos IES Ramón Cabanillas de Cambados e Ribeiro de Ribadavia, a EVEGA asumiu a formación práctica tanto en Viticultura coma en Enoloxía de 93 novos profesionais. Xunto con estes centros, a estación mantén tamén convenios de prácticas curriculares con outros IES, como A Granxa de Ponteareas ou A Carballeira de Ourense.
A maiores, no eido da Investigación, o Desenvolvemento e a innovación (I+D+i), no período 2014/15 a EVEGA desenvolveu 5 proxectos de innovación con adegas galegas no marco das axudas FEADER á innovación en produtos, procesos e tecnoloxías.