
A rexedora deu a benvida ao Dépor, Le Havre AC e SC Braga nun acto institucional previo aos encontros desta tarde no estadio municipal de Riazor
A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, recibiu este mediodía no Pazo de María Pita aos equipos participantes na 80ª edición do Trofeo Teresa Herrera: o Dépor, o Le Havre AC de Francia e o SC Braga de Portugal.
O acto institucional, celebrado ás 13.45 horas tras a disputa das finais do 28º Mini Teresa Herrera, que gañaron Calasanz prebenxamín e Deportivo benxamín, serviu para dar a benvida oficial en nome de toda a cidade. Inés Rey subliñou “o valor histórico e simbólico dun torneo que é parte da nosa identidade como cidade aberta ao mundo e que promove valores como a igualdade, a amizade e a deportividade”.
A alcaldesa tamén lembrou a figura de Juan Luis Villamisar, recentemente falecido, a quen dedicou unhas palabras de recoñecemento polo seu “traballo incansable en favor do fútbol coruñés e galego” e polo seu compromiso para que A Coruña optase a ser sede do Mundial 2030.
A xornada deportiva continuará esta tarde no estadio municipal de Riazor coa disputa da XIII edición feminina (Dépor – SC Braga, ás 17.00 h) e a 80ª edición masculina (Dépor – Le Havre AC, ás 20.00 h).
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.