Tuesday 12 de August de 2025

Numerosos veciños e veciñas participan no acto de recoñecemento a Manuel Fernández Siso


O nome de Manuel Fernández Siso presidirá de forma permanente o entorno da Casa do pobo de Dexo en recoñecemento á súa destacada contribución ao progreso de Oleiros e especialmente ao da localidade de Dexo. Numerosos veciños e veciñas acompañárono esta mañá no acto no que se descubriu unha placa que leva o seu nome.

Concelleiro entre os anos 1979 e 2007, a súa xestión foi clave para que o Concello adquirise á Igrexa os terreos, hoxe municipais, nos que se asenta a Casa do pobo, a polideportiva, o aparcamento, o parque infantil… “Todo isto, que hoxe é público, era da Igrexa e querían vendelo. Non podíamos permitir que o pobo de Dexo quedara sen este espazo e foi Siso, grazas ao seu diálogo, o que conseguiu que a Igrexa nos vendera os terreos e non acabaran en mans privadas. E despois estivo encima continuamente para que fixeramos todo o que temos aquí”, dixo o alcalde Ángel García Seoane.

“Se chegamos a perder este espazo, se o comprase algún promotor, sería unha desgraza das máis grandes. Que sería Dexo sen isto? Porque cando nos criamos aquí sen nada eramos felices,… pero para min hai dous Dexos, o de antes e o que quedou despois destas actuacións, cos servizos que lle demos ao pobo”, dixo Fernández Siso.

“Siso era unha persoa do pobo, que traballou arreo, caladamente, que non era de figurar. Que estaba aí sempre, que loitou polo seu pobo. E ante todo é unha persoa fiel e leal. Grazas a ese apoio, á súa contribución desde o Goberno de Alternativa dos Veciños, conseguimos que Dexo teña hoxe todos os servizos”, explicou o alcalde.

Manuel Fernández Siso agradeceu o recoñecemento e destacou a figura do alcalde. “Escoitándoo parece que el non fixo nada e os demais somos os artífices de todo, e non é verdade. El fixo todo, e todos o sabemos”, comentou.

Deja un comentario