Tuesday 12 de August de 2025

A Xunta apoia melloras en máis de 660 comercios locais e 64 obradoiros de artesanía de Galicia en prol da súa innovación e actividade sostible


O Diario Oficial de Galicia publicou esta semana a resolución da convocatoria de 2025 destas achegas concedidas por un valor de case 4M€

Esta medida enmárcase no Plan estratéxico do comercio de Galicia 2025-2030 e abarca tres liñas de axudas unificadas por primeira vez este ano nunha única convocatoria en prol da simplificación e axilización administrativa

As axudas están enfocadas á dixitalización do punto de venda, á mellora da imaxe e eficiencia enerxética do local e ao uso de embalaxes sustentables para apoiar ao sector na adaptación ás tendencias de consumo

Das entidades beneficiarias este ano, 286 son da provincia de Pontevedra, 266 da de Coruña, 111 da provincia de Lugo e 65 da de Ourense

Un total de 664 comercios de proximidade e de 64 obradoiros inscritos no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia beneficiaranse das axudas deste ano da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración para impulsar a súa dixitalización, innovación e sustentabilidade cun valor de axuda de case 4M€. Así o especifica a resolución publicada esta semana no Diario Oficial de Galicia sobre a convocatoria de 2025 destas tres liñas de apoios unificadas por primeira vez este ano nunha única convocatoria en prol da simplificación e axilización administrativa para favorecer un comercio innovador e sustentable.

En canto á distribución por provincias das entidades beneficiarias este ano, 286 son da provincia de Pontevedra, 266 da de Coruña, 111 da provincia de Lugo e 65 da de Ourense.  Estas tres liñas que abarca a convocatoria son compatibles entre si, enmárcanse no Plan estratéxico do comercio de Galicia 2025-2030 e buscan apoiar ao sector na adaptación ás tendencias de consumo coa introdución de tecnoloxías que lles permitan conectar coas necesidades do cliente e mellorar a imaxe e os equipamentos dos establecementos. Tamén teñen como fin avanzar no compromiso ambiental e na eficiencia de recursos.

Neste sentido, coa primeira das liñas de achega, a de dixitalización e innovación comercial, fináncianse ferramentas de posicionamento dixital, software de xestión adaptado á actividade comercial desenvolvida e elementos como pantallas e escaparates virtuais. Tamén inclúe actuacións como a implantación e mantemento de páxinas web, terminais de autopagamento, xestión de redes sociais ou loxística e-commerce, entre outras e a contía máxima de axudas neste apartado é de 35.000 euros.

En canto á segunda, de modernización comercial, cóbrense obras de acondicionamento e reforma da superficie de exposición e venda, incluíndo a adquisición de mobiliario auxiliar; custos de servizos profesionais para a redacción de proxectos de interiorismo e decoración, así como accións para a mellora da eficiencia enerxética, como por exemplo sistemas de climatización enerxeticamente eficientes. Tamén abarca a adquisición de maquinaria, ferramentas ou equipamento auxiliar relacionado coa actividade comercial e artesanal. Neste caso, as axudas poden chegar aos 19.400 euros.

Por último, na liña destinada á sostibilidade ambiental, son obxecto de subvención as actuacións dirixidas á redución das cantidades de embalaxe mediante a adaptación do seu tamaño á dimensión dos produtos. Algúns exemplos de actuacións que se apoian neste sentido son a adquisición de bolsas de papel e caixas de cartón 100% reciclado e bolsas de tea de algodón e de liño ou cáñamos 100%. Neste caso, a axuda máxima é de 2.000 euros.

 

 

Ligazón á resolución no DOG:

 

https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2025/20250807/AnuncioG0767-310725-0001_gl.html

Deja un comentario