Tuesday 12 de August de 2025

A Xunta abre este luns a inscrición na nova convocatoria dos cursos gratuítos de condución segura de motos, que se celebrarán en setembro e outubro


― É a segunda convocatoria da formación gratuíta dirixida a motoristas e que a Xunta desenvolverá ao longo dos próximos dous anos, ata sumar en total 32 cursos, nos que poderán participar un total de 640 motoristas

― Os cursos están dirixidos a persoas maiores de 18 anos con permiso de condución de motocicletas (3 anos de experiencia no caso de permiso B), que desexen mellorar o control da motocicleta e conducir de forma máis segura

― A inscrición pode realizarse desde o luns nas webs da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas e a entidade colaboradora, Motovial, ata cubrir as 160 prazas dispoñibles desta primeira quenda

― A Xunta reafirma o mantemento do seu compromiso coa seguridade viaria e a formación continua dos motoristas para reducir os riscos nas estradas galegas

A Xunta abre este luns, día 11 de agosto, o prazo de inscrición para participar nunha nova convocatoria dos cursos gratuítos de condución segura de motocicletas, cuxa nova quenda se celebrará nos vindeiros meses de setembro e outubro.

Trátase da segunda convocatoria para este ano dos cursos gratuítos dirixidos a motoristas e que a Xunta impartiu os pasados meses de maio e xuño en Curtis, Pontevedra e Ourense e no que participaron un total de 160 motoristas.

Nesta convocatoria celebraranse 8 cursos gratuítos de condución segura de motos, que se impartirán en catro xornadas e dúas quendas diarias, en Monforte de Lemos, O Porriño, Culleredo e Narón.

Estes cursos gratuítos están dirixidos a persoas maiores de 18 anos con permiso de condución de motocicletas (3 anos de experiencia no caso de permiso B), que desexen mellorar o control da motocicleta e conducir de forma máis segura.

Os interesados poden inscribirse, desde o luns ás 9 horas, ata cubrir as prazas dispoñibles nesta segunda convocatoria. A inscrición poderá realizarse a través das páxinas web da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas https://vivendaeinfraestruturas.xunta.gal/seguridade-viaria/plan ou directamente na entidade colaboradora Motovial, Escola de condución motocicletas: www.motovial.gal

Os participantes deberán asistir coa moto en bo estado e coas condicións legais de uso. Os alumnos portarán casco homologado, luvas, botas e roupa de protección, así como a documentación relativa ao seguro obrigatorio do vehículo e á ITV en vigor.

Programación
As xornadas formativas distribuiranse en dous cursos por día, un de mañá e outro de tarde, tendo cada un dos grupos un máximo de 20 alumnos. O primeiro curso se impartirá o día 3 de setembro, no concello de Monforte de Lemos; o 20 de setembro no municipio do Porriño; continuando o 27 de setembro en Culleredo. O cuarto curso desta quenda, será xa o 4 de outubro en Narón.

A actividade deste cursos de formación inclúen unha parte teórica e outra práctica, na que os participantes aprenderán a reaccionar ante situacións adversas, abordaranse temas relacionados coa normativa, con técnicas para mellorar as habilidades dos motoristas e a anticipación do risco e como reaccionar ante el.

Ademais, trataranse temas como o mantemento básico da motocicleta, a técnica e o control da freada, a xestión da traxectoria en curvas, as manobras evasivas e coa condución con pasaxeiro.

Con esta iniciativa, a Xunta reafirma o seu compromiso coa seguridade viaria e a formación continua dos motoristas para reducir os riscos nas estradas galegas.

Este programa formativo está incluído no «Plan de Seguridade Viaria 2022-2025. Visión Cero», impulsado pola Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, dentro do Reto 3: “Visión Cero en usuarios vulnerables: mellora da seguridade dos usuarios de ciclomotores e motociclistas”. Este reto busca a redución dos accidentes e das súas consecuencias, mellorando a seguridade viaria dos usuarios vulnerables, neste caso dos usuarios das motocicletas, conseguindo unhas vías de tránsito e unha mobilidade máis segura.

O obxectivo da Xunta é desenvolver ao longo deste ano e do vindeiro 2026 un total de 32 cursos, nos que poderán participar un total de 640 motoristas.

Deja un comentario