
• A actuación está centrada na eliminación de especies invasoras e a mellora dos accesos norte e sur á praia, facendo chegar o asfaltado ata a area e favorecendo a través do seu deseño a unha maior integración paisaxística.
• O prazo para a presentación de ofertas manterase en vigor ata o 27 de agosto.
O Concello de Miño publicou no perfil de contratación o proxecto de intervención paisaxística na contorna da Praia de Perbes, unha actuación dotada cun orzamento de 84.149,06 euros, financiada cunha subvención de 60.000 euros da Xunta de Galicia, que ten como obxectivo a recuperación ambiental da área e a mellora da conectividade peonil nos accesos a un dos areais máis visitados do municipio tanto por veciños como por visitantes. O prazo para a presentación de ofertas finaliza o próximo 27 de agosto.
O documento inclúe a eliminación de especies exóticas invasoras, centrándose na Arundo donax, presentes no perímetro do areal, co fin de restaurar a vexetación autóctona e preservar o ecosistema natural.
Tamén se mellorarán os accesos norte e sur á praia, favorecendo unha integración máis harmónica coa paisaxe. No acceso norte eliminarase unha franxa de asfalto e instalarase unha plataforma de madeira de aproximadamente 50 metros cadrados que resolverá a diferenza de cota entre o vial e a area, garantindo así unha transición visualmente integrada na contorna paisaxística.
Ademais, substituiranse as duchas por lavapiés para fomentar un uso máis eficiente da auga durante o verán.
No acceso sur actuarase sobre o pavimento actualmente deteriorado polo paso de maquinaria pesada. Para iso substituirase o pavimento existente e instalarase un banco corrido de madeira xunto ao noiro, mellorando tanto a funcionalidade do acceso como a súa calidade estética. O proxecto prevé ademais a creación de espazos de estancia integrados na contorna, que permitirán aos usuarios gozar do espazo natural de forma cómoda e respectuosa co medio natural.
O alcalde, Manuel Vázquez Faraldo, puxo en valor “ou traballo deste equipo de doberno por seguir recuperando e promovendo espazos naturais, facéndoos máis accesibles e atractivos”.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.