
— O Goberno galego publicou a resolución da convocatoria coas axudas, dotada con 200.000 euros e dirixida a grupos e centros de investigación das universidades galegas
— A medida alíñase coa Axenda 2030 de desenvolvemento sustentable tendo en conta que a universidade é un espazo axeitado para promover a innovación que contribúa ao cumprimento dos Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable das Nacións Unidas
A Xunta vén de resolver a convocatoria de axudas para financiar a realización de proxectos bianuais de investigación e a creación de grupos de investigación en materia de cooperación ao desenvolvemento no marco da Axenda 2030, que poderán executar grupos e centros de investigación das tres universidades galegas. A orde, dotada con 200.000 euros que se distribúen entre 2025 e 2026, permitirá impulsar sete proxectos.
Do total das propostas financiadas, catro son da Universidade de Santiago de Compostela e céntranse nos ámbitos da educación para o desenvolvemento e a cidadanía global, da investigación farmacéutica e da economía circular en Latino América. Outros dous proceden da Universidade de Vigo, nos ámbitos da violencia de xénero en Guatemala e da transición enerxética en Ecuador. Pola súa banda a Universidade da Coruña recibirá financiamento para actuar no ámbito da contaminación por metais en augas subterráneas no sur de Honduras. Todos estes proxectos foron presentados por grupos de investigación xa constituídos.
Esta convocatoria enmárcase no V Plan director da cooperación galega 2023-2026, así como no Plan anual da cooperación galega para este ano. Cumpre cos obxectivos de apostar por unha maior eficacia e calidade da política galega de cooperación, promove unha cultura de investigación que mellora a xestión e contribúe ao impacto das intervencións e posibilita unha maior orientación estratéxica coa posta en valor das vantaxes diferenciais de Galicia nos sectores, con equipos de investigación fortes.
En liña coa Axenda 2030
Ademais, esta orde, ao igual que as publicadas no 2019, 2021 e 2023, vén determinada pola necesidade de aliñar a convocatoria coa Axenda 2030 de desenvolvemento sostible. Neste sentido, os proxectos financiados deben ter como obxectivo a promoción do desenvolvemento humano sostible, consonte a axenda nacional e internacional de desenvolvemento e en particular, aliñados cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) de Nacións Unidas. Deste xeito, considérase que a universidade é o espazo fundamental para o desenvolvemento da investigación, ademais do espazo axeitado para impulsar a innovación e cambios de comportamento que nos sitúen na senda do cumprimento dos ODS.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.