
Rock en Familia, a homenaxe a Sito Sedes, Uxía, o evento Locos por la Música e Coti completarán unha nova semana musical na praza
A artista Zahara chega á Coruña este domingo 10 de agosto para ofrecer un dos concertos máis esperados das Festas de María Pita. A actuación terá lugar na praza de María Pita, a partir das 22.00 horas, dentro do ciclo Noites de María Pita, e será de acceso libre.
Zahara presentará o seu novo espectáculo, parte da xira Lento Ternura, unha proposta de pop electrónico e contrastes visuais e sonoros, coa que percorre os principais escenarios do país. Acompañada por Martí Perarnau IV, Manuel Cabezalí e Xavi Molero, Zahara ofrecerá un directo coidado ao detalle, entre momentos de forza e delicadeza, que reflicten a evolución dunha das voces máis influíntes da música alternativa estatal.
“Desde o Goberno de Inés Rey quixemos apostar por artistas consolidados para os concertos da praza de María Pita, permitindo á cidadanía gozar de actuacións de gran calidade”, indicou Gonzalo Castro, concelleiro de Cultura e Turismo. Con máis de vinte anos de traxectoria, seis discos publicados e recoñecementos como seis Premios MIN ou unha nominación aos Latin Grammy, Zahara continúa reinventándose sen perder a súa esencia.
Unha nova semana de actuacións
A actuación de Zahara nas Noites de María Pita dará inicio á segunda quenda de grandes artistas e eventos que pasarán pola praza. O luns 11 será a quenda do espectáculo Rock en Familia, o martes 12 celebrarase o xa anunciado homenaxe a Sito Sedes coa orquestra Los Satélites, o mércores 13 actuará Uxía, nunha actuación especial con numerosos convidados, e o xoves 14 celebrarase Locos por la Música, con Nacha Pop, Cómplices, No me pises que llevo chanclas, Melocos, Javier Ojeda (Danza Invisible), Soraya, La Poptelera e DJ Cherry Coke. Pecharán o ciclo Coti o domingo 17 e Vega o luns 25 de agosto.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.