Tuesday 12 de August de 2025

O PP de Arzúa solicita á Demarcación de Estradas do Estado en Galicia que reconsidere o repintado da N-547 polo aumento da perigosidade e as molestias para os condutores


O Partido Popular de Arzúa vén de presentar unha queixa formal ante a Demarcación de Estradas do Estado en Galicia polo novo repintado da estrada N-547 ao seu paso polo municipio. Segundo denuncia a formación, o novo deseño da vía —que converte o carril dereito nunha vía de servizo limitada a 50 km/h e separada por pivotes verdes— está a provocar múltiples problemas de seguridade e incomodidade para os usuarios.
Desde o mes de xuño, o PP de Arzúa recolleu numerosas opinións de veciños e condutores que transitan habitualmente por esta estrada. A conclusión é clara: o repintado actual dificulta a circulación, especialmente en curvas e accesos, e está a xerar manobras perigosas como cambios de carril cruzando liñas continuas, adiantamentos indebidos e freadas bruscas.
Ademais, os pivotes instalados para separar os carrís están xa deteriorados ou ausentes en moitos puntos, o que evidencia a falta de eficacia da medida. A situación agrávase pola presenza de peregrinos en bicicleta, que tamén utilizan o carril de servizo e se ven expostos a riscos innecesarios.
O voceiro do Partido Popular de Arzúa, Rafael Rivadulla, sinala que “non estamos en contra de medidas que melloren a seguridade viaria, pero este repintado está a provocar o efecto contrario. Os condutores están confundidos, os accesos son estreitos e perigosos, e a convivencia entre vehículos e peregrinos faise máis difícil. Pedimos que se reconsidere esta actuación antes de que haxa que lamentar consecuencias maiores.”
O PP solicita que se avalíe tecnicamente o impacto do repintado e se estude a posibilidade de volver á situación anterior ou aplicar unha alternativa que garanta maior seguridade e funcionalidade para todos os usuarios da N-547.

Deja un comentario