O departamento de Turismo da Xunta participa por segunda vez neste certame no que se darán cita máis de 9.000 profesionais
Este mes de marzo, o turismo galego estará presente en Brasil na feira World Travel Latin America que se celebrará do 29 ao 31 de marzo en São Paulo.
Esta será a segunda vez que Turismo de Galicia participe neste certame profesional que este ano celebra a súa terceira edición, no marco do encontro anual da Asociación Brasileira de Operadoras de Turismo (BRAZTOA).
Nesta nova edición da World Travel Latin America, o departamento de Turismo da Xunta contará cun espazo propio para a promoción do turismo galego e para manter reunións cos profesionais interesados na oferta turística galega.
Demanda turística
No ámbito da demanda turística, a oferta galega mantén o seu atractivo en Brasil, tanto pola proximidade do idioma como pola variedade dos seus recursos, entre os que destacan a enogastronomía e o Camiño de Santiago.
Precisamente, Brasil, con preto de 4.000 peregrinos ocupou en 2015 o décimo lugar como país estranxeiro máis activo no Camiño de Santiago.
Ademais, no que vai de ano, xa fixeron a Ruta Xacobea máis dun centenar de brasileiros o que supón unha suba de preto do 2%.
Por outra parte, con preto de 118.00 viaxeiros aloxados e 217.586 pernoitas no pasado ano 2015, o mercado americano -exceptuando EE.UU.- representou o 10,6% do total da demanda internacional de Galicia.
Este segmento de turismo internacional experimentou un comportamento positivo en 2015, superando, nun 23% a cifra de viaxeiros aloxados e nun 16% o volume de pernoitas, os rexistros do ano 2014.