Tuesday 12 de August de 2025

O Concello de Ortigueira pon en marcha un novo servizo de podoloxía a domicilio para persoas con graves problemas de saúde e falta de recursos


O novo servizo, que parte das concellerías de Sanidade e Promoción económica con colaboración do SAF, escolleu ás 22 persoas que se beneficiarán inicialmente desta iniciativa.

O Concello de Ortigueira puxo en marcha un novo servizo municipal de podoloxía a domicilio, dirixido a veciños e veciñas que padecen graves problemas de saúde nos pés e que, pola súa situación económica ou grao de dependencia, non poden acceder a un tratamento adecuado. A iniciativa, que se desenvolve en coordinación co persoal do Servizo de Axuda no Hogar (SAF), busca garantir unha atención sanitaria especializada a persoas que, doutro xeito, verían moi limitada a súa calidade de vida.

O programa, que empezará atendendo a 22 persoas seleccionadas polo persoal do SAF, está pensado para casos que requiren intervención profesional urxente ou continuada, como pacientes con diabetes, uñas encarnadas ou outras patoloxías graves de podoloxía. O servizo será prestado polo podólogo Alberto Pita, quen se desprazará persoalmente aos domicilios para realizar as atencións necesarias, evitando que as persoas beneficiarias teñan que afrontar desprazamentos que en moitos casos resultan imposibles polo seu estado de saúde.

A iniciativa é froito da colaboración entre as áreas municipais de Sanidade, Promoción Económica e o SAF, que traballaron de forma conxunta para deseñar un recurso que complemente a atención sociosanitaria e mellore as condicións de vida das persoas máis fráxiles do municipio. Na reunión de coordinación celebrada hoxe participaron o alcalde, Valentín Calvín; a concelleira de Promoción Económica, Isabel Rego e a edil de Sanidade, Ana Cartelle; así como a traballadora social responsable do SAF; a psicóloga municipal; e o propio podólogo.

Desde o goberno local sublíñase que este novo servizo supón un paso importante na atención á poboación máis vulnerable e confíase en que poida manterse de forma estable no tempo. “Non só estamos a mellorar a saúde dos nosos veciños e veciñas, senón que tamén lles estamos ofrecendo dignidade, comodidade e benestar sen que teñan que saír das súas casas”, destacaron desde o Concello.

Deja un comentario