Tuesday 12 de August de 2025

Comezan as obras de ampliación do refuxio de animais da Pobra do Caramiñal


· As obras inclúen novos módulos de gateiras, que serán divididos interiormente para aumentar o número de cubículos dispoñibles

O Concello da Pobra do Caramiñal iniciou, esta semana, as obras de ampliación do refuxio de animais municipal, co obxectivo de mellorar as condicións e atención dos animais abandonados. Nesta ocasión, a actuación está dirixida especialmente aos felinos, mediante a rehabilitación dun novo espazo independente adaptado ás súas necesidades específicas.

O proxecto, que está dotado cun orzamento de 47.975 euros, contempla a adecuación de tres contedores marítimos previamente adquiridos como módulos de gateiras. Estes contedores dividiranse interiormente con tabiquería lixeira revestida de vinilo lavable, o que permitirá duplicar o número de cubículos dispoñibles. Cada espazo estará dotado de porta de chapa de aluminio, ventás para iluminación e ventilación natural, e carpintería tipo “mosquiteira” para garantir a circulación do aire sen que poidan escapar os animais.

O proxecto inclúe tamén a previa preparación do terreo, sobre o que se executará unha soleira de formigón armado que servirá de base para os módulos. Cada un deles disporá dun patio exterior pechado con estrutura metálica, o que permitirá que os animais poidan gozar dun espazo seguro.

Tamén se executará un corredor pechado de comunicación entre módulos, que actuará como elemento de seguridade para evitar fugas, ao tempo que facilitará o acceso do persoal.

Ademais, tamén se instalará unha nova rede de recollida de augas fecais para mellorar a salubridade e limpeza das instalacións.

O alcalde e responsable da área de Benestar Animal, José Carlos Vidal, sinalou que “o benestar animal é unha prioridade para nós. Con esta ampliación damos un paso importante cara a un refuxio máis funcional e adaptado ás necesidades reais que temos”. O rexedor fixo un chamamento “á responsabilidade das persoas no coidado das súas mascotas”.

Deja un comentario