
Os posibles problemas de subministro de auga na comarca da Coruña débense á insuficiencia das tuberías e do depósito do Espírito Santo de Emalcsa, que é quen vende aos concellos a auga. Ante o recente incremento do consumo nos concellos de Bergondo e Cambre e a non renovación por parte de Emalcsa das conducións xerais desde A Telva ata o depósito do Espírito Santo, podería provocar que o Concello de Sada e parte de Oleiros tamén se visen afectados xa que reciben auga desde ese depósito.
Emalcsa propoñía esta mañá aos concellos cortar a auga das duchas das praias, os regos das zonas verdes e dos campos de fútbol. Por parte de Oleiros, esa non sería a solución á situación actual dado que no embalse hai auga e cortar a auga en zonas que non se nutren do depósito do Espírito Santo (Santa Cruz, Perillo, Nós, Bastiagueiro,…) non aliviaría en nada a situación.
Tal e como leva demandando o Concello de Oleiros durante os últimos anos, a solución que hai que abordar sen máis dilación para poñer fin a este tipo de situacións pasa porque Emalcsa, igual que vende a auga aos concellos, finalice o proxecto para ampliar a sección das tuberías ata o depósito do Espírito Santos e as conexións cos concellos. A Xunta de Galicia tamén está obrigada a cofinanciar esta obra, dado o seu carácter supramunicipal, tendo en conta tamén que cobra un canon pola auga á cidadanía (en Oleiros 771.000 euros anuais), que non está a reinvestir nin en Oleiros nin nestas necesidades de ámbito comarcal.
No caso de chegar a colapsar o sistema, en Oleiros a existencia dos 11 depósitos construídos polo Concello permitiría garantir o subministro durante 2 ou 3 días; en principio, tempo suficiente para que o depósito do Espírito Santo se recuperase. De prolongarse a situación máis tempo, si podería haber problemas que afectarían a Dexo, Serantes, Maianca, Dorneda, Oleiros e Montrove; non ao resto de parroquias que reciben a auga desde a ponte da Pasaxe e desde a Costa da Tapia, onde non hai ningún problema.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.