
A alcaldesa, Inés Rey, destaca o compromiso municipal co deporte base e os valores que representa o OAR na cidade
O Concello da Coruña vén de formalizar un convenio nominativo para a promoción do balonmán co club OAR Coruña, histórico referente do balonmán galego, co obxectivo de apoiar o seu proxecto deportivo, que se reforzou co recente ascenso á División de Honra Prata, a segunda categoría do balonmán estatal. A sinatura deste acordo supón un novo paso no compromiso do Goberno local co fomento do deporte base, a promoción dos valores do deporte e a visibilización do balonmán coruñés a nivel nacional.
Durante o acto de firma, a alcaldesa da Coruña, Inés Rey, salientou que “o éxito do OAR non é só deportivo, senón tamén humano, porque representa o esforzo dun club que leva décadas traballando pola formación de xeracións de xogadores e xogadoras desde a base”. Rey destacou tamén que “desde o Concello seguiremos apoiando aos clubs que, como o OAR, fan cidade e contribúen a que A Coruña sexa unha referencia no ámbito deportivo”.
Ademais do convenio, de 45.000 euros, o Concello facilita a cesión de instalacións para adestramentos e partidos no pavillón municipal de San Francisco Javier, onde se están a realizar melloras para acoller a nova etapa competitiva do equipo.
O OAR Coruña, fundado na década de 1950 na Cidade Vella, é o terceiro club máis antigo do balonmán masculino español, só por detrás do Granollers e o Teucro. Tras anos de esforzo, a pasada tempada logrou o ascenso nunha fase celebrada na cidade e que contou co apoio activo do Concello. A entidade traballa ademais cunha ampla base de máis de 120 nenos e nenas, promovendo a educación en valores como o compromiso, o compañeirismo e o respecto.
O concelleiro de Deportes, Manuel Vázquez, quixo poñer en valor “o papel fundamental do OAR como motor do deporte base e exemplo do traballo silencioso que se fai día a día nos clubs da cidade”, e agradeceu “o esforzo de toda a entidade, das familias e do corpo técnico por seguir levando o nome da Coruña con orgullo por todo o Estado”.
A colaboración co OAR enmárcase nun programa municipal máis amplo de apoio ao tecido deportivo local, que inclúe convenios cun valor global próximo aos 2 millóns de euros, así como 400.000 euros en subvencións nominativas e 150.000 euros destinados a bolsas para deportistas.
Neste mesmo contexto, o Concello prevé asinar tamén convenios co BM Línea 21 e co BM Brigantium, que esta tempada acadou igualmente o ascenso de categoría, reforzando así o apoio municipal ao balonmán coruñés en todos os seus niveis.
Este convenio reafirma o compromiso do Concello da Coruña cun modelo de cidade que aposta polo deporte como ferramenta de inclusión, cohesión social e proxección da identidade local.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.