
O proxecto inclúe área de xogos inclusiva, zonas verdes e melloras na accesibilidade
O investimento complétase coa repavimentación de Silva de Arriba e da rúa Benela, que conecta co núcleo desde a Avenida Finisterre
A alcaldesa visitou hoxe o núcleo da Silva para supervisar o remate das obras da nova zona de ocio infantil, situada na parte traseira do Centro Cívico do barrio. Trátase dunha das principais demandas veciñais, que reclamaban un espazo de lecer seguro e adaptado para nenos e nenas. “Este é un proxecto que responde directamente ao que nos pedían as familias da Silva: un espazo de encontro, de xogo e de convivencia para os máis pequenos, pensado tamén para que ninguén quede atrás”, destacou a rexedora durante a visita.
O proxecto actuou sobre preto de 800 metros cadrados dunha parcela que ata o de agora carecía de uso. Inclúe unha ampla variedade de equipamentos: un columpio, unha estrutura de axilidade, cubos de xogo e un carrusel inclusivo similar ao instalado no parque de Méndez Núñez. A área está concibida para idades de 3 a 12 anos e conta con xogos adaptados para rapaces con mobilidade reducida, consolidando o compromiso municipal coa inclusión.
A instalación complétase cunha pista multideporte apta para fútbol sala e baloncesto, dotada de valado perimetral e rede de protección para evitar a saída de balóns. Ademais, creouse un novo percorrido accesible que conecta co centro social, así como novas zonas verdes con xardineira, cinco pradairos como barreira vexetal, bancos, papeleiras e unha fonte adaptada a persoas usuarias de cadeira de rodas.
“Queremos que este novo espazo sexa un lugar de referencia non só para o núcleo da Silva, senón tamén para barrios próximos como o Ventorrillo ou Penamoa, que tamén poderán desfrutar destas instalacións”, sinalou a alcaldesa. En total, o investimento nesta actuación ascende a 385.227 euros
Repavimentación da Silva de Arriba
O investimento complétase coa repavimentación de Silva de Arriba —entre Cances, A Silva e a rúa Alcalde Jaime Hervada— e da rúa Benela, que conecta co núcleo desde a Avenida Finisterre.
Esta obra, cun orzamento de 83.516,74 euros, mellorou o firme, a drenaxe e a accesibilidade, renovando beirarrúas en mal estado, limpando marxes e acondicionando o entorno.
“Son actuacións que melloran a calidade de vida da veciñanza e que forman parte do noso compromiso de investir tamén nos núcleos e barrios que, como a Silva, teñen moito que ofrecer á cidade”, concluíu a rexedora.
En total, entre a nova zona de ocio e a repavimentación, o investimento no núcleo da Silva ascende a case medio millón de euros, renovando máis de 2.500 metros cadrados de superficie e case medio millón de euros reforzando os servizos e infraestruturas do barrio.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.