
A delegada da Xunta explicou que estas axudas buscan dar resposta ás novas necesidades que teñen os polígonos de Galicia para fixar e atraer novos investimentos
Belén do Campo salientou que as actuacións subvencionables son principalmente implantar iluminación pública eficiente, plantas de depuración de auga ou infraestruturas viarias, entre outras cousas
A delegada da Xunta, Belén do Campo, acompañada polo director territorial da Consellería de Economía e Industria, Isidoro Martínez, visitou o polígono empresarial de Santa Comba para informar da resolución das axudas para a mellora das infraestruturas dos parques empresarias. Concretamente, este polígono, grazas a estes apoios, contará con 120.000 euros para levar a cabo a renovación da pavimentación da estrada principal do parque e dos seus enlaces nunha superficie de case 10.200 metros cadrados ao longo de 580 metros.
A intervención consistirá no fresado superficial, para garantir unha correcta adherencia da nova capa, varrido e limpeza da superficie con retirada de residuos e extensión dunha nova capa de rodadura de aglomerado en quente, cun espesor mínimo de 5 cm. Ademais, levarase a cabo a sinalización vertical e horizontal. Con esta obra, apuntou a delegada, búscase garantir a seguridade viaria, mellorar a funcionalidade do pavimento e aumentar a vida útil da infraestrutura optimizando o seu mantemento.
Neste senso, a representante do Goberno autonómico informou que a Xunta apoia, en toda Galicia, con tres millóns de euros un total de 40 parques empresariais galegos co obxectivo de modernizar a súas infraestruturas e incrementar a súa competitividade. Dos parques beneficiarios, 16 están na provincia da Coruña, con axudas de máis de 1,2 millóns de euros.
Belén do Campo destacou a boa acollida que tivo esta orde que busca dar resposta ás novas necesidades que teñen os polígonos industriais para fixar e atraer novos investimentos.
Estas axudas contribúen á modernización das instalacións dos polígonos industriais e facilitan que as empresas dispoñan dos servizos e infraestruturas que necesitan para levar a cabo a súa actividade. Neste sentido, trátase de ofrecer un mellor servizo para favorecer a fixación e implantación de compañías e promover o emprego local.
A liña de apoios foi por concorrencia competitiva e estaba dirixida aos concellos galegos que queren realizar melloras relativas á implantación de iluminación pública eficiente, plantas de depuración de auga, xestión de residuos, infraestruturas viarias, así como servizos centralizados de subministración de gas e hidróxeno verde, entre outras.
As axudas aos concellos teñen unha intensidade do 80% ata un límite máximo de 120.000 euros no caso de solicitudes individuais e de 138.000 no caso de que sexan conxuntas.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.