Tuesday 12 de August de 2025

A Coruña acolle mañá unha nova edición do Trofeo Teresa Herrera cunha intensa xornada de fútbol para todas as idades


Celebraranse as finais do Mini Teresa Herrera pola mañá e os encontros entre o Dépor, o Le Havre AC e o SC Braga pola tarde no Estadio municipal de Riazor

O estadio municipal de Riazor vivirá mañá sábado, 9 de agosto, unha das súas grandes citas do verán coa celebración dunha nova edición do Trofeo Teresa Herrera, o torneo amigable máis lonxevo do mundo, que cumpre este ano a súa 80ª edición. A xornada arrancará ás 10:30 h coa disputa das finais da 28ª edición do Mini Teresa Herrera, en categorías benxamín e prebenxamín, e continuará pola tarde cos encontros femininos e masculinos que completan o cartel desta edición.

A alcaldesa Inés Rey recibirá aos equipos participantes nun acto institucional que terá lugar ás 13.45 h, despois dos partidos da mañá e antes da entrega de trofeos do Mini Teresa Herrera.

Finais Mini Teresa Herrera (10:30 h)
A base do fútbol coruñés será a protagonista na primeira metade da xornada, coas finais das categorías prebenxamín e benxamín, que se disputarán de forma simultánea en dous medios campos do estadio:
● Prebenxamín (campo máis próximo á grada de Marathón):
○ CD Calasanz – Victoria CF
● Benxamín (campo máis próximo á grada de Pabellón):
○ RC Deportivo – Ural Español CF

Ambas as finais xogaranse en dous tempos de 25 minutos, con descanso de 5 minutos, e cun máximo de 20 xogadores convocados por equipo. Os colexiados foron designados polo Comité Técnico Galego de Árbitros de Fútbol (CTGAF).

Os encontros chegan tras unha fase previa moi disputada, con resultados destacados como o 16-0 do Deportivo ao Relámpago SD ou o 4-1 do Ural Español CF ante o Atlético Coruña Montañeros nas semifinais benxamíns. En categoría prebenxamín, o Calasanz venceu ao Ural Español por 2-0 nas semifinais, mentres que o Victoria superou por 2-1 ao Oza Juvenil SD.

Partidos oficiais do Trofeo Teresa Herrera
● 17:00 h | XIII Teresa Herrera feminino
○ Dépor – SC Braga

Encontro entre o equipo coruñés e o conxunto portugués da Primeira División, que loitarán por un trofeo que simboliza o compromiso da cidade coa igualdade no deporte. Desde o 2021, o trofeo feminino presenta o mesmo formato e recoñecemento ca o masculino.
● 20:00 h | LXXX Teresa Herrera masculino
○ Dépor – Le Havre AC

O Dépor, campión en 25 ocasións, enfrontarase ao club francés de Primeira División nun partido único, tradicional nesta competición. Servirá como posta de longo do equipo herculino ante a súa afección neste inicio de tempada. Ambos encontros poderán seguirse en directo a través da canle oficial do RC Deportivo en YouTube.
O Trofeo Teresa Herrera forma parte da programación das Festas de María Pita 2025, promovida polo Concello da Coruña, e representa unha das citas deportivas máis destacadas do verán na cidade. A súa organización enmárcase no acordo de colaboración entre o Concello e o Real Club Deportivo da Coruña.
“É un orgullo para a cidade seguir consolidando o Teresa Herrera como un evento de prestixio internacional e un punto de encontro entre xeracións e culturas a través do deporte”, sinalou o concelleiro de Deportes, Manuel Vázquez.

Deja un comentario