O foro, enmarcado no programa ÁgoraXove, ten como obxectivo fomentar o espírito emprendedor dos mozos e mozas a través dunha metodoloxía baseada na educación non formal e o lecer educativo
A Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, abriu o prazo de inscrición para o foro Ágora do Camiño, un evento enmarcado no programa de participación xuvenil ÁgoraXove que se celebrará o vindeiro venres 1 de abril na casa da cultura do Concello de Palas de Rei. Os obxectivos desta iniciativa pasan por fomentar o espírito emprendedor dos mozos e mozas a través dunha metodoloxía baseada na educación non formal e o lecer educativo. Deste xeito, o foro contará cunha mesa redonda, baixo o título “Emprendendo no Camiño”, que abordará a temática do Camiño de Santiago como elemento vertebrador do territorio e como fonte de oportunidades para o desenvolvemento persoal e profesional da mocidade que habita nos concellos polos que transcorre.
Ademais da mesa redonda, Ágora do Camiño ofrecerá información sobre o proceso cara á internacionalización profesional e sobre o programa de voluntariado “Cultura no Camiño”. Os asistentes tamén coñecerán de primeira man as experiencias dun grupo de mozos e mozas que participaron en programas de voluntariado en distintos concellos polos que transcorre o Camiño de Santiago. O foro pecharase cunha actuación musical de participantes no programa da Xunta de Galicia, Xuventude Crea. Estes encontros tamén contan cunha área de asesoramento e networking sobre asociacionismo e participación nos programas de educación non formal da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado.
Os interesados en asistir aos foros ÁgoraXove deberán ser membros de entidades, asociacións xuvenís ou grupos informais; antigos participantes nos programas de Xuventude, técnicos de Xuventude e de Emprego, concelleiros de Xuventude, monitores e mozos e mozas en xeral.
A inscrición deberá efectuarse a través da páxina web da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado e o prazo para realizar a mesma rematará o 31 de marzo.