
O alcalde, Ángel Alvariño, e o xerente de Seitura 22, Miguel Teixido, acordan celebrar á volta do verán unha reunión cidadá para presentar o proxecto
Promoverase a creación de comunidades enerxéticas para favorecer a produción ou xestión da propia enerxía renovable
Neda participará no proxecto de cooperación Redenerxía, destinado a impulsar as comunidades enerxéticas no territorio, que promove a asociación Seitura 22 e o Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR) Terra e Auga. Así, estes días, o alcalde, Ángel Alvariño, mantiña unha xuntanza de traballo co xerente da entidade, Miguel Teixido, e David Río, de Planificación Tec, onde acordaban celebrar, á volta do verán, unha reunión aberta á veciñanza para informar das liñas mestras do proxecto e lograr a súa complicidade, xa que a participación social é clave para lograr uns resultados positivos.
Redenerxía busca apoiar a creación de novas comunidades enerxéticas no territorio, e consolidar e facer medrar as existentes. Está aberto a persoas, asociacións, pequenas e medianas empresas, e entidades locais, de modo que constitúan unha asociación, cooperativa ou outras fórmula que garanta unha participación democrática e equitativa na posta en marcha dun proxecto común para aproveitar os recursos enerxéticos locais a través da produción ou xestión da propia enerxía renovable.
Eses proxectos a desenvolver a través das comunidades enerxéticas van dende a xeración de enerxía eléctrica (fotovoltaica, eólica…) ou térmica (biomasa), o almacenamento e a distribución desa enerxía, e incluso a súa comercialización.
Tamén, a promoción de servizos de rehabilitación enerxética, de asesoramento, de mobilidade sostible, ou de loita contra a pobreza enerxética, entre outros.
Deste xeito, os beneficios son moitos, xa que ao formar parte dun equipo que coopera a favor da enerxía limpa gáñase en seguridade e independencia do prezo da enerxía, favorécese a implantación de novas actividades no territorio, contribúese a dar pulo a unha economía máis respectuosa coa natureza, ou facilítase a creación de emprego local no sector enerxía, entre outras moitas vantaxes.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.