Tuesday 12 de August de 2025

San Sadurniño acollerá o 22 de agosto o II Encontro Atlántico de Festivais de Cinema


O vindeiro venres 22 de agosto celebrarase en San Sadurniño o II Encontro Atlántico de Festivais de Cinema, unha cita impulsada por Proxecta coa colaboración do Concello e o apoio da Deputación da Coruña. A xornada comezará ás 12:00h cun encontro profesional onde se abordará o papel dos festivais en contornas rurais. Pola tarde, a programación dirixirase ao público xeral cunha sesión de curtametraxes do Chanfaina lab e a proxección da longametraxe «Salvaxe, Salvaxe», coa presenza do director Emilio Fonseca e da produtora Xiana do Teixeiro. A xornada -que tamén inclúe unha visita cultural por San Sadurniño- rematará ás 22:00h cun concerto de Su Garrido Pombo na Sala Dzine.

O Encontro Atlántico de Festivais de Cinema está concibido como un espazo de diálogo e intercambio entre profesionais do sector audiovisual, con especial atención nesta ocasión ao papel que representan os festivais en zonas rurais. Algo sobre o que San Sadurniño ten moito que dicir tras unha década organizando o Chanfaina lab, onde se xuntan, metade por metade, festival audiovisual e laboratorio creativo nun espazo eminentemente rural.

O encontro do venres 22 comezará ás 12:00h coa benvida e inauguración oficial, seguida ás 12:30h dunha mesa redonda orientada a profesionais do sector baixo o título «Festivais do rural: cultura, comunidade e territorio», que abordará as oportunidades e desafíos que supón levar programación audiovisual de calidade a espazos afastados dos grandes polos culturais das vilas e cidades.

Ás 14:00h está prevista unha pausa para o xantar, que terá un formato compartido e informal co obxectivo de seguir tecendo redes entre as persoas participantes. Xa pola tarde, a actividade trasladarase ao ámbito máis lúdico e aberto ao público xeral, cunha visita guiada polo profesor Manolo González que percorrerá o patrimonio histórico e natural dos arredores do centro urbano de San Sadurniño.

A programación cinematográfica retomarase ás 19:00h na Casa da Cultura cunha sesión de curtametraxes escolmadas entre o extenso catálogo do Chanfaina lab, unha das iniciativas audiovisuais que mellor representan o tema central do encontro.

A continuación, ás 20:30h, proxectarase a longametraxe «Salvaxe, Salvaxe», dirixida por Emilio Fonseca. A película achegarase ao público cun valor engadido: a presenza do propio director e da produtora Xiana do Teixeiro, que compartirán detalles do proceso creativo e conversarán coas persoas asistentes ao remate da proxección.

A intensa xornada pecharase con música na Sala Dzine. A iso das 22:00h alí actuará Su Garrido Pombo, cun estilo que mestura canción de autora, música tradicional e sonoridades contemporáneas. O concerto será o peche perfecto para un evento relacionado co cine que en certo modo nos anticipa o X Chanfaina lab, que se desenvolverá do 5 ao 7 de setembro.

O II Encontro Atlántico de Festivais de Cinema está organizado pola coordinadora Proxecta, creada como asociación en 2018 co obxectivo de poñer en valor e defender o traballo que se fai a través dos 19 festivais e encontros que se organizan en Galicia na actualidade, pero tamén coa finalidade de ser punto de encontro para o debate e para dinamizar o sector desde distintos ámbitos. Nesta segunda edición do foro colaboran o Concello de San Sadurniño e tamén a Deputación da Coruña.

Deja un comentario