Tuesday 12 de August de 2025

O Concello de Boqueixón abre o prazo para solicitar os servizos de conciliación de Madrugadores e Tardes de Lecer


O Concello de Boqueixón vén de abrir ata o 26 de agosto o prazo de inscrición nos servizos de conciliación Madrugadores e Tardes educativas e de lecer para o curso 2025-2026. Dous programas dirixidos a alumnado de Infantil, Primaria e Secundaria, de entre 3 e 16 anos, empadroado en Boqueixón ou ben matriculado nun centro educativo do municipio. As actividades desenvolveranse nas instalacións do CPI Antonio Orza Couto.

O programa Madrugadores ofrece servizo de acollida, coidado e vixilancia antes do comezo das clases en horario de 7:30 a 9:00 horas. Realizaranse actividades variadas e relacionadas co fomento de hábitos saudables. Os prezos oscilan entre os 10 euros mensuais (un día por semana) e 50 euros mensuais (os 5 días da semana). Ademais, hai posibilidade de utilizar o servizo en días puntuais, cun prezo de 5 euros por xornada.

Pola súa banda, as Tardes Educativas e de Lecer, en horario de 15:30 a 18:30 horas, ofrecen dous servizos en espazos diferenciados: acompañamento escolar, para que o alumnado realice as tarefas escolares co apoio de monitorado especializado; e “recreando”, unha actividade lúdico-cultural cun amplo programa de actividades, obradoiros e xogos. Os prezos oscilan entre os 30 euros mensuais por 1 día semanal ata os 90 euros mensuais polos cinco días da semana. Tamén é posible acceder a este servizo de conciliación de forma puntual, aboando neste caso 10 euros por xornada.

En ambos os dous casos, o Concello de Boqueixón ten establecido numerosas bonificacións, que permiten ás familias reducir o custe do servizo entre un 25 e o 100% do total. As inscricións poden ser telemáticas (a través da sede electrónica municipal) ou presencial (a través do Rexistro). A documentación está dispoñible na web municipal: www.boqueixon.gal.

Deja un comentario