Tuesday 12 de August de 2025

O Concello de Lousame acondiciona os accesos á área recreativa de San Mamede e á Capela de San Lourenzo


Esta fin de semana celebraranse a procesión de San Mamed e San Lourenzo, o sábado 9 de agosto, así como o tradicional xantar campestre da Romaría de San Lourenzo do 10 de agosto

Todo listo en Lousame para a celebración esta fin de semana dunha das súas festas máis concorridas de cada ano: a romaría de San Mamed e San Lourenzo coa súa gran comida campestre, que terá lugar o domingo 10 de agosto na área recreativa de San Mamede, na contorna da Capela de San Lourenzo. O tenente de alcaldesa, Esteban Ares, e o concelleiro de Obras, Ramón Martínez, supervisaron sobre o terreo os traballos de limpeza, roza e mantemento realizadas na zona tanto por traballadores municipais como polo alumnado do Obradoiro de Emprego Noia-Lousame.

As brigadas municipais de obras encargáronse da limpeza e roza dos accesos á área recreativa de San Mamede, así como da limpeza e mantemento das mesas e bancos de pedra existentes na zona e da fonte a carón da capela de San Lourenzo. Pola súa banda, o alumnado do obradoiro fixo valer os coñecementos adquiridos este ano en repoboación forestal e tratamentos silvícolas para realizar traballos de conservación e mellora deste espazo natural, que está á espera da súa declaración como espazo de interese natural local. Unha actuación que será unha das últimas a realizar polo alumnado, toda vez que este obradoiro dual de emprego está chegando á súa fin.

Romaría de San Lourenzo

A Romaría de San Mamed e San Lourenzo dará comezo o sábado 9 de agosto, ás 9:30 horas, coa tradicional procesión e traslado das figuras de San Mamed e San Lourenzo dende a igrexa parroquial de Tállara ata a capela de San Lourenzo. Un longo traxecto no que estarán acompañados polo grupo de gaitas “O Son do Pote”. Unha vez na capela terá lugar unha misa cantada.

O día grande será o domingo 10 de agosto, coa tradicional Romaría de San Lourenzo. Os oficios relixiosos terán lugar ás 10:00, 11:00 e 12:00 horas, celebrándose a misa solemne e procesión pola contorna da capela ás 13:00 horas, que volverá estar acompañada pola música do grupo folclórico local “O Son do Pote”. Acto seguido terá lugar na área recreativa unha gran comida campestre, con servizo de polbeira e música popular. A festa rematará cun novo oficio relixioso ás 19:00 horas.

Deja un comentario