
§ Cuestiona que se denegara a solicitude empregando como xustificación que os datos da memoria xustificativa procederan dun portal inmobiliario “xa que a lei reclama que sexan datos obxectivos, non oficiais” e critica ao tempo que desde Raxoi non se propiciara a reunión solicitada pola consellería de Vivenda
§ “Queremos asegurarnos que houbo vontade polas dúas partes, non vaia ser que o que se buscara fora chegar a este punto para que uns puideramos dicir que a Xunta non nos da a declaración e outros que o goberno do BNG non quixo colaborar”
As concelleiras non adscritas piden explicacións detalladas do proceso polo que se produciu a desestimación da solicitude de Santiago para ser declarada zona de mercado residencial tensionado. Ante as informacións publicadas nos últimos días e o cruce de declaracións entre o goberno local e a consellería de Vivenda, Mercedes Rosón solicitará a comparecencia do concelleiro de Urbanismo no primeiro pleno do novo curso político, co obxectivo de que se aclaren “as boas vontades dun e doutro lado”.
Neste sentido, Mercedes Rosón sinala actitudes reprochables en ambas partes e asegura que a súa intención é asegurarse de que houbo vontade por parte da Xunta e do Concello para entenderse, “non vaia ser que o que se buscara fora chegar a este punto para que uns puideramos dicir que a Xunta non nos da a declaración e outros que o goberno local do BNG non quixo colaborar”.
Rosón asegura, en todo caso que, conforme se van coñecendo máis detalles dos termos nos que se deu por desistida a solicitude de declaración, “vaise esmorecendo o argumentario do Partido Popular”. Critica, neste sentido, que o cuestionamento da Xunta veña porque, na memoria que xustifica a existencia dun especial risco de abastecemento insuficiente de vivenda para a poboación residente se empreguen datos dun portal inmobiliario alegando que é necesario que se empreguen datos oficiais.
Lembra a concelleira non adscrita que a lei o que di, textualmente, é que deben empregarse “datos obxectivos” segundo o artigo 18.3 da Lei 12/2023, do 24 de maio, polo dereito á vivenda: “estase empregando un argumento que non ten ningún fundamento xurídico”.
Plan de medidas correctoras
Entre as “deficiencias” que acusa o Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) da documentación achegada polo Concello de Santiago, varias poñen o foco no Plan de Medidas Correctoras. Porén, insiste Rosón, isto non é un requisito legal para acceder á declaración: “a Xunta podería perfectamente declarar Santiago zona tensionada e despois facer o plan pero non o fai porque non quere e porque nunca quixo regular o mercado da vivenda”.
Non só iso, Rosón lembra que no artigo 18.5 da mesma lei se contempla a posibilidade de que o departamento Ministerial competente en materia de vivenda pode desenvolver un programa específico para ditas zonas que podería completar o remitido desde Raxoi.
Un plan, o elaborado desde o Concello que, recoñece Rosón, estaría “limitado” polas competencias locais en materia de vivenda: “a lei estatal sinalaba que as administracións coas competencias de vivenda eran as que tiñan que proceder a declaración de zonas tensionadas, a Xunta do Partido Popular foi quen derivou esa responsabilidade aos Concellos e isto limita a capacidade de propor políticas de vivenda”.
Para a concelleira non adscrita, unha das medidas correctoras que precisaría Compostela para poder atallar o problema da vivenda é intervir no parque de vivenda baleira: “pero iso é competencia da administración autonómica, e levamos agardando unha década a que defina por lei o que é vivenda baleira para poder actuar sobre ela e mobilizala ao mercado de alugueiro”.
“O BNG entrou ao xogo”
Rosón tampouco aforra en críticas ao goberno local. Cuestiona que, desde o executivo de Sanmartín, non se propiciara a reunión entre os equipos técnicos de Raxoi e o IGVS que, segundo se fixo público nos últimos días, se chegou a propor desde a consellería de Vivenda: “que ofrezan unha reunión técnica e que o goberno local se negara non nos deixa en bo lugar”. Engade ademais que a estratexia da confrontación pública, pola que se optou desde xullo -cando a Xunta remitiu a Raxoi un documento coas “presuntas eivas a corrixir” da declaración-, “non fai máis que dificultar o entendemento e, polo tanto, dificultar e atrasar o acceso á declaración de zona tensionada”.
Para a edil non adscrita é “evidente” que a Xunta “nunca quixo facilitar a declaración de zona tensionada de Santiago” pero, engade, “tampouco o quería facer con Coruña”. Neste sentido, e salvando as distancias, sinala que na cidade herculina o procedemento que se seguiu “non foi o da confrontación, senón o de atender todos os requirimentos e entrar polo aro do Partido Popular”. Para Rosón esta sería a actitude “máis intelixente”, xa nos últimos días instaba ao executivo local a “desactivar as escusas” da Xunta, atendendo as súas solicitudes: “non se trata de comulgar con rodas de muíño, se trata de que o fin é máis importante que os egos das partes, e o que hai que facer é desmontar todas as escusas para forzar á Xunta a aprobar a declaración”.
Sobre o plan de medidas correctoras, Rosón sinala tamén ao executivo de Sanmartín xa que, entre as deficiencias sinaladas, está o pouco pulo á empresa municipal de vivenda e solo: “xa advertimos moitas veces de que a recuperación da antiga Emuvissa non se estaba a producir na velocidade que debía e, agora, vémolo claramente”. Así, esixe ao executivo de Sanmartín “máis implicación” con este proxecto, que xa se iniciara no anterior mandato, sendo responsable de Urbanismo a propia Rosón.
“Cremos que o concelleiro de Urbanismo debe dar explicacións con transparencia e claridade sobre os termos nos que se deu a desestimación da solicitude” insiste a edil non adscrita, que lle esixe ao Partido Popular que tamén “faga o propio”.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.