Tuesday 12 de August de 2025

Belén do Campo participa na Gala de Entrega do Premio Internacional de Composición “Portus Apostoli” no marco de Noia Harp Fest


A delegada da Xunta destacou que este certame, de carácter internacional, consolidouse como unha plataforma de referencia para a creación musical arredor deste instrumento

A delegada da Xunta, Belén do Campo, acompañada polo alcalde de Noia, Santiago Freire, participou esta tarde na gala de entrega do Premio Internacional de Composición “Portus Apostoli”, acto que puxo o broche final ao 12º Festival Internacional de Arpa da Vila de Noia – Noia Harp Fest, celebrado entre o 30 de xullo e o 2 de agosto e que culminou hoxe con este evento de clausura.

Durante a gala, a delegada felicitou ao compositor arxentino Federico Beilinson, gañador do primeiro premio “Portus Apostoli”, recoñecendo a calidade da súa obra e a súa achega á música contemporánea para arpa. O certame, de carácter internacional, consolidouse como unha plataforma de referencia para a creación musical arredor deste instrumento.

O Noia Harp Fest, creado no ano 2022, conta co apoio da Xunta de Galicia a través do programa Concertos do Xacobeo, cunha achega superior aos 24.000 euros, e tense convertido nunha cita cultural destacada dentro da programación musical do verán galego.

A representante do Goberno galego destacou a importancia deste tipo de iniciativas que combinan excelencia artística, proxección internacional e dinamización cultural, poñendo en valor o compromiso institucional co impulso da cultura e o talento creativo dentro e fóra de Galicia.

Deja un comentario