Tuesday 12 de August de 2025

O Goberno municipal de Padrón impide a utilización dos seus espazos para actividades culturais e de memoria histórica promovidos polo BNG


Que o PSOE de Padrón, dirixido por Anxo Arca, utiliza a institución do concello con métodos máis dignos dunha perspectiva caciquil e mafiosa que democrática é algo que xa sabiamos. Porén, vimos de atoparnos coa enésima mostra do seu xeito de entender a política municipal como unha guerra persoal no canto de mellorar a realidade padronesa.

A secuencia de acontecementos é a seguinte: o pasado 4 de xullo, desde o BNG de Padrón solicítase a utilización dun dos pavillóns para que poidan albergarse nel parte de militancia de todo o país que chega para unhas xornadas de formación con actividades de convivio, culturais e de memoria histórica e democrática para a xuventude. Xente moza que vén non só a formarse, senón a desfrutar de Padrón e ficar unha noite, motivo polo cal precisamos darlle aloxamento. Así, seguindo a normativa municipal, pedimos un destes espazos pola imposibilidade de utilizar albergues para estes fins. Esta solicitude foi feita o día 4 de xullo, sendo respostada por vía telefónica pola asesora do alcalde o día 7 dese mesmo mes, de xeito favorábel seguindo os mesmos protocolos que xa se tiñan levado a cabo en ocasións previas para xornadas semellantes.

Porén, un mes despois, o día 7 de agosto, a 4 días do evento, chega ao BNG unha notificación denegando a utilización da instalación, poñendo como escusa unha interpretación totalmente falaz da ordenanza municipal, xa que dita ordenanza non especifica que só poidan ser grupos de máis de 50 persoas, senón que esa é a cantidade desde a cal se supón que debería cobrarse a utilización, e mentindo ao dicir que non se xustifica, cando na solicitude está perfectamente xustificada, tal e como de feito xa admitira o concello naquela chamada do día 7. O peor de todo é que isto vén acompañado dunha chamada directa do concelleiro ofrecendo a utilización do espazo pero sen darlle oficialidade, dando as chaves en man e saltándose dun xeito flagrante calquera principio básico de protocolo, seguridade e transparencia democrática. Algo que desde o BNG desde logo non se acepta.

En palabras de Beatriz Rei, concelleira do BNG de Padrón, “esta maneira de facer política, atentando contra a posibilidade de ter boas relacións entre grupos, e utilizando o poder institucional para xerar represalias cando as negociacións non chegan ao fin que Anxo Arca quere, dinamitan a democracia nesta vila. O alcalde sábeo, pero non ten medo en rebentar a convivencia aínda que sexa con actuacións coas que nin saca rédito político e só impide, unha vez máis, a realización de actividades en Padrón que non sexan levadas a cabo por empresas amigas, ás que si lle abre as portas día si e día tamén”.

Deja un comentario