Tuesday 12 de August de 2025

A auga volverá inundar as rúas da Pobra coa celebración dunha nova edición dos San Juerguines


· Será o sábado, 16 de agosto, cunha intensa xornada de actividades pensadas para todos os públicos

· A concelleira de Cultura, Patricia Lojo, acompañada por representantes da organización deron a coñecer todos os detalles da programación deste ano

Comeza a conta atrás para os San Juerguines 2025. Esta mañá presentouse de maneira oficial esta cita festiva, unha das más agardadas do verán, que se celebrará o vindeiro 16 de agosto cunha intensa xornada de actividades pensadas para todos os públicos.

Durante o acto de presentación, a concelleira de Cultura, Patricia Lojo, deu a coñecer os detalles dunha programación marcada pola música en directo e a tradicional Festa da Auga, un dos emblemas da programación das festas do Carme dos Pincheiros.

A edil agradeceu aos membros da organización o intenso traballo desenvolto ao longo do ano para facer posible unha festa que é unha das máis esperadas de todo o ano e que “non entende de idades. A xente ven a divertirse e acaba sentíndose parte dunha festa que xa é unha parte imprescindible da programación. Esa é a esencia que queremos manter e seguir potenciando cada ano”.

A programación ao completo

A xornada arrincará ás 13.30 horas cunha sesión vermú a cargo de Mekánica Rolling Band, ao remate terá lugar o xantar das peñas, que estará amenizado por DJ Quimba para animar o ambiente desde primeira hora.

Un dos momentos máis agardados chegará ás 16.30 horas coa Festa da Auga, unha celebración que cada ano reúne a centos de persoas dispostas a mollarse nunha gran batalla acuática que percorre as rúas do centro urbano.

A programación continuará coas Olimpíadas Pincheiras ás 18:00 horas, unha divertida competición cargada de humor e espírito colectivo, e culminará cunha gran verbena nocturna a partir das 22.00 horas, coas actuacións de Planet Disco Móbil, Mateo Abelleira e Tito Maverick.

Ademais, xa se atopa á venda o merchandising oficial dos San Juerguines, creado pola organización para recoñecer o traballo das bateeiras e bateeiros, facendo referencia ao carácter e identidade mariñeira da vila. Pódese adquirir na Confraría, agás os mércores que o posto de venda estará habilitado nos Xardíns.

– Os luns, mércores e venres en horario de 12:00 a 14:00 horas.

– Os martes e xoves de 20:00 a 21:30 horas.

Os San Juerguines consolídanse como unha das grandes citas estivais do municipio, unindo tradición, participación e identidade local.

Deja un comentario