Tuesday 12 de August de 2025

Evencio Ferrero e membros da corporación municipal recibiron ao alcalde de Xenebra, o cormelán Alfonso Gómez Cruz


As vacacións de Alfonso Gómez Cruz en Corme coinciden este ano cunha vaga de incendios forestais que mantiveron illada durante horas a súa vila natal. Para un cormelán, militante dos Verdes e que ademais é alcalde e responsable de Medio Ambiente dunha cidade coma Xenebra (Suíza), os lumes son unha preocupación permanente, e hoxe convertéronse nun dos temas centrais da recepción oficial que lle ofreceu o seu homólogo carballés, Evencio Ferrero, acompañado por boa parte do goberno municipal e pola portavoz do grupo socialista.

Alfonso Gómez Cruz estivo acompañado pola eurodeputada Ana Miranda e polo responsable do BNG en Suíza, Xosé Abelenda, cos que comparte experiencias políticas e, no segundo caso, tamén como fillo da emigración. E tanto unha coma outro louvaron a xestión de Alfonso Gómez no concello de Xenebra, onde é alcalde por segunda vez, así coma a importancia de que un fillo de emigrantes galegos ocupe un posto tan relevante.

O peculiar sistema político da cidade suíza, a segunda máis grande do país, establece que debe ser rexida por un equipo de cinco conselleiros administrativos integrado polos cinco candidatos máis votados, que rotan no posto de alcalde cun mandato dun ano. Agora é a quenda de Alfonso Gómez, desde o 1 de xuño deste ano ata o 31 de maio do 2026.

Tanto Alfonso Gómez coma Evencio Ferrero tiñan amosado interese por coñecerse e poder abordar cuestións comúns. Por unha banda, Xenebra é un dos principais destinos da emigración carballesa en Suíza, polo que desde o Concello de Carballo intenta seguirse o máis de preto posible a situación daquela cidade; por outra, Alfonso Gómez amosouse moi interesado en coñecer con detalle o modelo urbano do goberno municipal carballés, xa que desde o goberno de Xenebra quere apostar por un proxecto de humanización similar.

Ana Miranda non só puxo en valor o traballo de Gómez Cruz no ámbito político, senón tamén como persoa comprometida coa causa Palestina, coas persoas refuxiadas ou contra o racismo, e ademais destacou o seu compromiso coa emigración: “Foi un dos fundadores do programa de radio Sempre en Galiza e unha das persoas que está sempre para apoiar socialmente a todos os inmigrantes, e creo que tamén é un porto de acollida para todos os galegos e galegas que van alí, dende científicos e científicas ata a emigración tradicional… e foi unha das persoas máis votadas nas últimas eleccións. É unha persoa moi querida en Xenebra, moi querida na emigración, para nós é un orgullo coma galegos pero tamén coma seres humanos”.

Despois dunha amena, distendida e interesante conversa, Alfonso Gómez asinou no Libro de Honra do Concello de Carballo. Na súa dedicatoria amósase “emocionado e honrado” de ser recibido nunha localidade que lle trae recordos da infancia. Evencio Ferrero obsequiouno cun carballo de Sargadelos “polo compromiso coa terra bergantiñá desde a diáspora” e cunha selección de libros relacionados coa nosa comarca.

 

 

 

 

Deja un comentario