
Emalcsa, a empresa que subministra a auga aos concellos da comarca da Coruña, comunicou que ante o elevado consumo dos últimos días e o estado da tubería xeral que, desde A Telva, abastece aos concellos de Bergondo, Sada, Cambre e parte de Oleiros, poden darse situacións de insuficiencia, mesmo ata o punto de que algunhas vivendas deses municipios quedasen sen subministro. No caso de Oleiros, a existencia de 11 depósitos debería mitigar posibles cortes puntuais.
A Xunta de Galicia ten pendente atender a petición destes 4 concellos para abordar o proxecto de renovación que evite este tipo de situacións. De feito Emalcsa xa está a redactar o proxecto para poder iniciar as obras, que incluirían tamén un novo depósito de auga en San Pedro de Nós.
O Concello de Oleiros recibe a auga de Emalcsa a través da ponte Pasaxe, a Costa da Tapia e o depósito de Bergondo. A rede interna do Concello, con 432 km de tuberías, é suficiente e acorde a poboación existente, aos incrementos estacionais e ás previsións de crecemento a medio prazo. Tampouco hai problemas de auga no embalse nin un incremento poboacional superior ao dos últimos veráns -a oferta de prazas hoteleiras de Oleiros é insignificante-.
Si é preciso, tal e como leva demandado o Concello de Oleiros nos últimos anos, renovar a condución xeral que vai desde A Telva ata os depósitos de Bergondo, que nutren a Sada, Bergondo, Cambre e a parte de Oleiros.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.