Tuesday 12 de August de 2025

O 15º Campus de Baloncesto conta con 50 participantes


Desenvólvese durante esta semana no Pavillón Municipal da Laracha.

O Pavillón Municipal da Laracha acolle durante esta semana unha nova edición, a décimo quinta, do Campus de Baloncesto que organiza o Concello dentro da programación estival de actividades dirixidas á mocidade.
Desde o pasado luns e ata mañá venres, en horario de 10:30 a 13:30 horas, medio centenar de rapaces de entre 6 e 15 anos están a desfrutar desta proposta lúdico-deportiva que combina diversión, aprendizaxe e hábitos de vida saudable.

O principal obxectivo do campus é aproveitar o tempo de lecer durante as vacacións escolares para fomentar a práctica deportiva entre a infancia e a adolescencia, neste caso centrada no baloncesto. A actividade está deseñada tanto para aqueles rapaces que queren iniciarse neste deporte como para os que buscan seguir mellorando as súas habilidades técnicas e tácticas.

Os participantes recibiron a visita do alcalde da Laracha, José Manuel López Varela, e da concelleira de Deportes, Patricia Bello, que quixeron achegarse persoalmente ao pavillón para comprobar o desenvolvemento da actividade e compartir uns momentos cos asistentes e cos adestradores que están ao seu cargo.

O Concello continúa así a súa aposta firme por ofrecer actividades de lecer activas e educativas durante o verán, poñendo ao alcance dos mozos opcións que combinan valores, saúde e deporte.

Deja un comentario