Tuesday 12 de August de 2025

Unha trintena de nenos e nenas desfrutan do Campamento Xuvenil e Infantil do Concello de Brión en Porto do Son


Unha trintena de nenos e nenas de Brión, de idades comprendidas entre os 9 e os 16 anos, participan estes días no Campamento Xuvenil e Infantil do Concello de Brión en Porto do Son. Unha iniciativa de conciliación e de lecer na que participan todas as familias que así o solicitaron.

Uns campamentos que se desenvolverán ata o vindeiro 12 de agosto baixo unha temática celta, que distribúe á rapazada en diferentes clans que conviven e compiten nunha experiencia marcada pola aventura, o contacto permanente coa natureza e o espírito de equipo.

Así, durante estas primeiras xornadas desfrutaron dunha travesía a bordo do balandro Joaquín Vieta, unha ruta en kayak polo porto do Freixo, unha visita ao estaleiro de Ciprián, unha xornada de xogos na praia de Broña e unha ruta de sendeirismo, a dos Carpinteiros dos Pés Mollados, ademais dunha mergullada (literalmente) na “Aventura Snorkel” na praia urbana de Porto do Son. A maiores, o grupo xuvenil tamén gozou dunha xornada de iniciación ao paddle surf e de visitas á praia de Aguieira e á área recreativa do Loreto.

Durante os próximos días continuarán con probas, xogos e actividades nunha experiencia chea de diversión, compañeirismo e aprendizaxe.

Deja un comentario