Tuesday 12 de August de 2025

A Xunta emitiu preto de 130 títulos para usos e ocupacións do litoral no primeior mes de exercicio pleno das copentencias sobre a costa


— Ángeles Vázquez destaca que entre os 127 expedientes resoltos desde o pasado 1 de xullo están arredor dun terzo das solicitudes de autorización trasladadas polo Goberno central e que estaban pendentes de emitir unha resolución

— Salienta o intenso traballo e a axilidade dos técnicos do Executivo galego para permitir a realización de campamentos, eventos deportivos, festivais musicais, festas tradicionais ou celebracións como as procesións na honra da Virxe do Carme

— A conselleira lembra que a Administración galega habilitou unha solicitude única electrónica co fin de facilitar o labor tanto dos funcionarios como da cidadanía á hora de tramitar os expedientes sobre o litoral ao tempo que puxo en marcha distintas ferramentas informativas coas que dar resposta ás dúbidas dos usuarios

A Xunta de Galicia emitiu desde o pasado 1 de xullo -día no que se materializou o traspaso dos medios, servizos e funcións de xestión da costa por parte do Goberno central- un total de 127 títulos habilitantes de usos e ocupacións no litoral.
Así o destacou a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, durante a súa visita a un campamento deportivo municipal no concello coruñés de Miño, na praia Grande, unha das actividades que recibiron autorización do Executivo galego para a ocupación do dominio público marítimo-terrestre e na que participan 80 rapazas e rapaces de entre 8 e 14 anos.
A responsable autonómica explicou que deses 127 títulos outorgados, 75 foron en zona de servidume de protección e 52 en espazos de dominio público marítimo-terrestre. De feito, destes últimos, 40 correspóndense con expedientes que o Goberno central remitiu a Galicia sen resolver -arredor dun terzo das autorizacións recibidas que carecían de resolución- e 12 con novas solicitudes recibidas pola Xunta desde o 1 de xullo xa en pleno exercicio das súas competencias sobre a xestión e ordenación do litoral.
Por provincias, a de Pontevedra foi a que concentrou o maior número de títulos habilitantes concedidos, con 87, o 68% do total, mentres que A Coruña sumou 30 e Lugo, un total de 10. As autorizacións emitidas permitiron a celebración de eventos culturais ou actividades deportivas nas praias e na súa contorna como campamentos, campionatos deportivos, festas populares, procesións marítimas como as celebradas na honra da Virxe do Carme, festivais musicais como o Atlantic Fest ou o Noroeste da Coruña ou recreacións como o desembarco medieval de Corcubión.
A conselleira, que estivo acompañada pola directora xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático, Paula Uría, destacou que ao mesmo tempo están a pleno rendemento servizos de tempada asentados na costa, a pé de praia, como os chiringuitos ou os negocios para alugar embarcacións a pedais.
Ángeles Vázquez puxo en valor que todo isto é froito do intenso labor dos técnicos do Executivo autonómico, que están a traballar con axilidade no estudo e análise tanto dos 585 expedientes recibidos da Administración do Estado ata o momento -quedan pendentes outros 264 segundo as cifras trasladadas no seu momento polo Goberno central- como das novas solicitudes presentadas por distintas entidades, organizacións ou usuarios neste primeiro mes desde que Galicia asumiu o exercicio pleno das competencias en materia de xestión da costa.
De feito, lembrou que co fin de facilitar tanto o traballo dos funcionarios como os trámites do conxunto da cidadanía, a Xunta puxo en marcha xa o 1 de xullo pasado a solicitude única electrónica para os trámites sobre os usos ou ocupación do litoral, fronte aos cinco formularios de solicitude en papel que requiría o Estado, o que contribuíu a axilizar en gran medida a tramitación dos expedientes.
Na mesma liña, púxose tamén en marcha o espazo web Galicia Litoral, con información sobre o litoral de interese para a cidadanía, ao tempo que se lanzou unha campaña explicativa específica na sede electrónica da Xunta de Galicia, contabilizándose máis de 1.600 visitas entre as dúas plataformas no primeiro mes. De xeito paralelo habilitouse un servizo de atención telefónica a través do número 012 para aclarar posibles dúbidas relacionadas cos procedementos sobre os usos e ocupación da franxa costeira.
A maiores, incidiu a conselleira, a Administración galega iniciou xa os traballos de dixitalización dos expedientes remitidos polo Goberno central, co fin de crear o antes posible o rexistro de autorizacións e concesións aprobadas na costa galega, que permitirá a calquera cidadán coñecer os títulos outorgados no litoral de Galicia.
Competencias
A Comunidade comezou a exercer plenamente as competencias sobre a súa costa o pasado 1 de xullo, tras facerse efectivo o traspaso de medios, servizos e funcións do Goberno central nesta materia. Desde ese momento está a aplicarse a Lei de ordenación e xestión integrada do litoral de Galicia (Loxilga), a primeira normativa de España en regular o litoral en toda a súa extensión, incluíndo tanto a zona terrestre e intermareal como a área mariña ata as 12 millas náuticas.
A conselleira salientou a transcendencia desta normativa pois a comunidade é a que conta con máis costa de todo o país, con máis de 2.500 quilómetros, e permite xestionar 1,6 millóns de hectáreas terrestres, ás que se suman as 12 millas náuticas desde a terra cara a alta mar. Ademais, é unha norma que afecta a 86 concellos costeiros nos que vive máis da metade da poboación galega, 1,5 millóns de persoas.

Deja un comentario