Tuesday 12 de August de 2025

Os artistas Alfonso Costa e José Luís Veiras reciben o título de fillos adoptivos do Concello de Lousame poñendo en valor a aldea e as xentes de Camboño


A igrexa parroquial de Camboño acolleu un acto no que familiares dos artistas, concelleiros, compañeiros artistas e, sobre todo, a veciñanza de Camboño arrouparon a Costa e Veiras

A igrexa parroquial de Camboño (Lousame) quedou pequena para acoller o acto de entrega do nomeamento como fillos adoptivos do Concello de Lousame dos artistas Alfonso Costa Beiro e José Luís Veiras Manteiga. Familiares, amizades, compañeiros artistas, representantes de Barbantia e, sobre todo, veciños e veciñas de Camboño acompañaron á corporación municipal lousamiá nesta homenaxe a dous ilustres veciños da parroquia.

A alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde, foi a encargada de dar a benvida a todas as persoas presentes, amosando o seu agradecemento aos dous artistas “por escoller Lousame, por ter aos veciños tan namorados e por seguir aquí”. Así mesmo, puxo en valor a implicación de Costa e Veiras coa vida municipal: “fixeron cursos cos nenos de Camboño, pintaron… e están estimulando algunha vocación de pintores que agardamos que perdan a vergonza e pasen a expoñer”.

Pola súa banda, o director do Museo de Artes do Gravado de Ribeira, Xoán Pastor Rodríguez Santamaría, foi o encargado de facer a laudatio de ambos os dous artistas, dos que “comisariei varias exposicións e coñezo a súa magnífica obra e a súa longa traxectoria”. Rodríguez Santamaría puxo en valor o papel de Camboño na vida de Costa e Veiras pois “aquí foron creando parte da súa obra. É unha honra para Lousame e para o Barbanza en xeral que dous artistas vexan recoñecidos os seus méritos nun municipio fundamentalmente rural, xa que o universal non é máis co rural sen paredes, aberto ao mundo como recordaba o gran escritor portugués Miguel Torra”.

Na súa laudatio, salientou que “comparten características estes dous artistas, ademais de lugar de residencia, con obra moi persoal e cadansúa personalidade, e non é menor a amizade que os une, cousa bastante extraordinaria entre dous potentes creadores. Úneos tamén a variedade da súa creatividade: pintura, gravado, ilustración e outras manifestacións artísticas como a poesía. Artistas completos, polivalentes, sempre investigando novos camiños artísticos”.

Finalmente apuntou que “Costa e Veiras viviron fora de Galicia moitos anos creando, experimentando, aprendendo e relacionándose co mundo artístico. Comparten xeración, a dos nacidos nos anos 40 na nosa bisbarra, un verdadeiro viveiro de artistas excepcionais entre os que podemos citar a eles mesmos, Manuel Romero e Soledad Peralta, entre outros”.

Alfonso Costa

Tras recibiren os pergamiños e as placas conmemorativas do seu nomeamento como fillos adoptivos do Concello de Lousame, entregados pola alcaldesa Teresa Villaverde, Alfonso Costa asegurou que “en poucas ocasións tereime sentido tan emocionado e agradecido, porque os recoñecementos que che fan a túa xente son sen dúbida os máis prezados. Logo de 25 anos vivindo en Camboño podo dicir que esta é a miña xente, a miña casa…”

Así, Alfonso Costa explicou que “Camboño é o lugar que elixín na miña volta a Galicia dende Barcelona para vivir e crear. Doume tanto que non o podería resumir nesta breve intervención. Non é só un lugar fermosísimo, de fontes e regatos cantareiros, de terra negra onde todo medra con vizosa alegría ademais de lugar inspirador do que nace a miña obra do último lustro. É o lugar habitado polas mellores persoas que coñezo”. Por iso rematou a súa intervención dirixíndose a eles: “A todos e todas os meus veciños quero darlles as grazas á súa cordial acollida e disposición xenerosa que me brinda toda a axuda e agarimo, a súa simpatía e discreción. Son feliz entre vós e en ningún lugar se sente o meu corazón que aquí”.

José Luís Veiras

Un sentimento que compartiu Veiras Manteiga: “Vivín en moitos lugares e nunca se me pasou pola cabeza que me deran ese recoñecemento. Eu levo 25 anos, pero realmente son 46 que foi cando comprei a casa en Camboño, que os meus veciños de Noia me dicían que estaba tolo, que aló so hai lobos, que son uns atrasados… Pero a miña muller e eu estabamos encantados con esta casa, que eran catro pedras porque non había nin tellado, o chan era de terra e había un cortello para vivir ben. Era algo sinxelo para que os cativos puideran xogar e non lonxe da praia”.

Neste sentido, o artista noiés explicou que elixiu Camboño “pola súa tranquilidade, polas rúas cubertas de parras que no verán quente nos daban sombra, polas fontes que os meus amigos cataláns envexaban e pola súa tranquilidade, con dous bares onde tomar uns viños. Coido que temos que reivindicar unha taberna en cada aldea que abra un par de horas para que poidamos ir falar cos veciños e botar unha partida de tute se necesario é”. Por iso reafirmouse en que se trata de “unha aldea que non deixaría nunca, que cambiou moito nestes 46 anos e valoramos a calma, tranquilidade, a súa xente, os cantos do paxaros, as súas fontes e incluso os ladridos dos cans pola noite, porque durmo coa ventana aberta. Camboño é a miña aldea e as súas xentes os meus veciños. Síntome un camboñán máis e penso que aquí morrerei… xa teño panteón…”.

Homenaxe musical

O acto contou coa animación musical de Xoán Curiel que, xunto a Iris Grey e Bea López, presentou o seu proxecto Treides comigo!, creado a partir de cantigas medievais compostas por trobadores galegos e que comezou cun poema musicalizado de Zernadas de Castro, artista de Fruíme a quen o Concello de Lousame agarda lle poida ser dedicado o Día das Letras Galegas de 2027, coincidindo co 250 aniversario da súa morte.

Unha vez rematada a homenaxe, no adro da Igrexa tivo lugar unha pequena e moi especial actuación da Asociación Folclórica Canlebó, formación da que formou parte José Luís Veiras durante varios anos. “Estiven seis anos tocando a gaita, manda carallo”, bromeu un emocionado Veiras Manteiga.

Currículos

ALFONSO COSTA BEIRO

Vive a súa infancia e adolescencia na Vila de Noia, aos dezasete anos trasladase a Barcelona. No ano 1967 realiza a súa primeira exposición. Pronto descubre o seu talento un crítico de prestixio, Cesáreo Rodríguez Aguilera, outro galego trasterrado a Cataluña, que exerce como crítico de arte; dicía de Alfonso que “posúe un debuxo máxico e unha paleta evanescente, dunha elegancia natural realmente única”.

En Barcelona, Alfonso traballa dun modo incansable, a súa mirada curiosa absorbe o fluxo vital que ofrece unha cidade dinámica e multicultural. É seleccionado para unha mostra colectiva de debuxo que leva o nome de Joan Miró. En 1972 concédenlle unha beca da Fundación March para coñecer a obra de Giotto en Florencia, feito que terá unha influencia decisiva no seu futuro estético. Realiza carteis e participa en mostras colectivas internacionais. Fai series de gravados que incrementan o seu prestixio e forma parte de mostras e exposicións que percorren La Habana e Lisboa. En 1984 remata un dos seus grandes proxectos, unha pintura de 2.000 metros cadrados que lle leva tres anos no Instituto Frenopático de Barcelona. Ilustra series de artigos en prensa, asinados polo seu amigo Xavier Costa Clavel, e os poemas de Rodríguez Aguilera.

As súas exposicións percorren toda España. En 1983 obtén unha beca do Ministerio de Cultura. A súa presencia no mundo editorial é constante, con ilustracións para obras de Costa Clavel e Neira Vilas. Novos murais en 1985, nunha recoñecida industria coruñesa e no Instituto Xelmírez de Compostela. Os anos oitenta son de intensa actividade para o artista, que consolida a súa sona no estranxeiro, principalmente en Francia e Alemaña. En 1988 realiza unha gran exposición no Kiosko Alfonso de A Coruña e as súas carpetas de gravados reciben encargos constantemente ao ser moi apreciadas polos coleccionistas. No ano 2001 pinta O Atlante de Baroña sobre a bóveda do auditorio da Casa da Cultura de Porto do Son.

A súa obra figura nos museos Provinciais de Lugo, Pontevedra, A Coruña e Burgos; Arte Moderno de Barcelona, Palma de Mallorca, Hospitalet, Barcelona, Arte Moderno de Madrid, Zabaleta de Quesada, Jaén, Girona, Ostende, Vigo, Sada e na Fundación March. Tamén está representado en diversas institucións como o Instituto Padre Sarmiento, Universidade de Compostela, Xunta de Galicia, Concello de A Coruña, Generalitat de Barcelona, Deputacións Provinciais de Santander, Girona, Guadalaxara e no Congreso dos Deputados.

A pintura de Costa Beiro e dun expresionismo lírico, a súas figuras danzan e teñen unha imparable dinámica, un prodixioso e rítmico debuxo que deixa translucir emocións e insólitos mundos interiores. Aínda que as doses de abstracción sexan considerables, sabe aproveitar os recursos do cubismo e do surrealismo en composicións medidas. Unha enorme ledicia, un ámbito lúdico preside estas pinturas nas que está o mito, o onirismo, a evocación e a ideación en perspectivas infinitas. Ao seu modo, Alfonso, coma bo galego, é un barroco apaixonado e en definitiva, un gran creador. Actualmente é veciño de Camboño, lugar no que sigue creando e compartindo a súa arte.

Premios e distincións, entre outros:

• “Primeiro Premio, Salón de Outono de Manresa, 1968.”
• “Primeiro Premio de Pintura Tema Deportivo. Olot, 1969.”
• “Primeiro Premio de Debuxo Arte Contemporáneo. Barcelona, 1970.”
• “Primeiro Premio de Debuxo María Blanchart. Santander, 1972.”
• “Bolsa de estudios de Fundación March. Florencia (Italia), 1972.”
• “Premio Internacional de Dibujo Ynglada Guillot. Barcelona, 1973.”
• “Premio Nacional de Debuxo Pancho Cossío. Santander, 1974.”
• “Primeiro Premio de Pintura Fundación Güell. Barcelona, 1974.”
• “Medalla de Bronce, Premio Europa. Ostende (Bélgica), 1978.”
• “Medalla de ORO e y Primeiro Premio Pintura Zabaleta. Quesada (Jaén), 1981.”
• “Bolsa do Ministerio de Cultura. Madrid. 1982.”
• “Premio Especial Bienal Internacional do Deporte nas Belas Artes. Madrid, 1982.”
• “Primeiro Premio de Murales LEYMA. A Coruña, 1985.”
• “Primeiro Premio de Debuxo IX Bienal Internacional do Deporte nas Belas Artes. Barcelona, 1986.”
• “Primeiro Premio de Debuxo Pérez Villamil. Ferrol, 1987.”
• “Primeiro Premio de Pintura FOCSA. Barcelona, 1992.”
• “Primeiro Premio de Pintura “Mestre Mateo”. Córdoba, 1999.”

JOSÉ LUÍS VEIRAS MANTEIGA

Nado no ano 1949 en Compostela, pasa parte da súa infancia en Mesía e As Pontes e no ano 1955 o novo destino laboral do seu pai leva á familia a residir a en Noia. José Luís xa cultiva a súa afección polo debuxo no Instituto Laboral de Noia e continua a formación de bacharel en Santoña (Santander) onde a rematará no ano 1967. Nos anos seguintes compatibiliza estudos e varios traballos en Lugo e iníciase de xeito autodidacta como pintor de óleos; o debuxo a expresión poética e a pintura xa son dende entón marcas de identidade que permanecerán con él o resto da súa vida.

No ano 1972 fai o servizo militar en Cartaxena e Ferrol, rematado este período regresa a Lugo onde traballa na hostalaría e faise asiduo da tertulia cultural do Café Madrid na que, entre outros, participaban Celestino Fernández de la Vega, Arcadio López Casanova e Constantino Pallín e traba relación con outros insignes escritores e músicos do momento (Ánxel Fole, Xesús Rábade Paredes, Darío Xohán Cabana, Xei Noguerol, Antón Campelo…).

A partir do ano 1974 o seu proxecto vital levao a Francia xunto coa súa parella Christine, coa que casa no ano 1975, terán dous fillos e naquela altura o creador decide dedicarse definitivamente á pintura. A partir dese momento o traballo de artista pictórico é incansable. No 2001 retorna definitivamente a Galicia, vivindo a día de hoxe na parroquia de Camboño, concello de Lousame.

Veiras Manteiga é un artista universal que desenvolveu a súa andaina vital e pictórica entre dous mundos: Galicia e Francia; que expuxo en Rennes, Nantes, St. Pierre La Cour, Chateau Gontier, Laval, Ernée, St. Barthelemy D’Anjou, Avrillé, Augsbourg, Loiron, París, Segovia, Mettmann, Compostela, Paczkow, Mayenne, Madrid, Caen, Lemans, Opole, Nysia, Gundremmingen, Aichach, Deventer…

Membro fundador do colectivo ART-VIF xunto con outros artistas como Jean Chevalier, Yves Grudé e Michel Maurice, que máis tarde amplíase e da lugar a AAA53, grupo do que segue a formar parte e no que participou con máis de sesenta exposicións colectivas a nivel internacional.

A súas ilustracións acompañarán ás obras de moitos autores galegos: Manuel Fabeiro, Xosé Agrelo Hermo, Avilés de Taramancos, Pilar Sampedro, Maxi Olariaga… Dentro da súa faceta como ilustrador podemos reseñar algúns títulos moi recoñecidos como: Galicia en cómic-Noia Porto de Compostela, Folgar de Brigantia-A morte de Ith, English for infants, Espagnol Sistema Básico, Os touros de Noia, Os días con Lara, Fuxidos…, e tamén para revistas como L’Oribus, Casa da Gramática e Alameda do Liceo de Noia.

Pintor, tradutor, xornalista, ilustrador, poeta, presentador de TV e radio, muralista… De Lousame a París, da pintura á litografía, da ilustración á poesía, da figuración á abstracción. Os mundos e as artes de Veiras son complementarios ao longo da súa traxectoria artística. Falamos dun artista que ten unha marcada proxección europea, con múltiples actividades de artista e creador: óleo e acrílico, augadas e tintas, cerámica e gravado, mural e banda deseñada, debuxo e caricatura; e tamén poeta, xa que no ano 2010 editará o poemario Fisterras.

Premio e distincións, entre outros:

• “Concurso de carteis. Noia, 1984.”
• “Grand Prix Salon de Chateau Gontier (Francia), 1986.”
• “Finalista Concurso Decoration Gare. Laval (Francia), 1986.”
• “Finalista Concurso Une affiche pour Ste. Suzanne (Francia), 1986.”
• “Grand Prix de la Ville Salon d’Ernée (Francia), 1987.”
• “Prix du Lion’s Club, Salon de Vitré (Francia), 1988.”
• “Prix du Lion’s Club, Salon de Sablé sur Sarthe (Francia), 1988.”
• “Premio Barbantia á Traxectoria Cultural no Barbanza, 2023”

Deja un comentario