Monday 11 de August de 2025

Comeza en Rego de Auga a Residencia de Conciliación para Nais Escritoras, un proxecto pioneiro impulsado polo Concello da Coruña


A autora italobrasileira Francesca Cricelli desenvolverá durante todo o mes de agosto un proxecto poético sobre desexo, natureza e maternidade

A Residencia de Conciliación para Nais Escritoras xa está en marcha coa chegada da súa primeira beneficiaria, a autora italo-brasileira Francesca Cricelli, que leva xa uns días instalada na Residencia Literaria 1863, situada en Rego de Auga. Trátase dunha iniciativa pioneira no Estado, promovida polo Concello da Coruña en colaboración coa Residencia Literaria 1863 que busca garantir tempo creativo e apoio real aos coidados, tal e como destacou a concelleira de Igualdade, Nereida Canosa, durante a presentación do programa o pasado mes de maio.

A residencia está deseñada para facilitar a conciliación das tarefas de creación literaria coas responsabilidades de coidado, ofrecendo unha bolsa que cobre viaxe, estadía, manutención e un servizo municipal de conciliación infantil, en horario de 09.00 a 14.30 h. A autora seleccionada, Francesca Cricelli, foi escollida por un comité profesional tras a avaliación de proxectos que integraban perspectiva de xénero e ética dos coidados. “A súa presenza na cidade está a espertar moito interese e recoñecemento público, dada a singularidade e valentía dun proxecto que pon no centro ás creadoras que son tamén nais ou coidadoras principais” sinalou Yolanda Castaño, poeta e coordinadora da Residencia 1863. Durante todo o mes de agosto, Cricelli desenvolverá o seu proxecto literario na cidade, mentres o seu fillo participa do servizo municipal de conciliación.

O Concello da Coruña sitúase así á vangarda das políticas públicas con perspectiva de xénero no ámbito da cultura, cunha proposta innovadora que combina apoio á creación, igualdade e conciliación. “Ser nai e ser escritora non poden seguir sendo camiños incompatibles”, subliñou Canosa, quen tamén animou a todas as autoras con responsabilidades de coidado a participar en futuras convocatorias.

Deja un comentario