Thursday 07 de August de 2025

O Concello esíxelle a Educación garantías de que se van manter todas as prazas do comedor no CPI de San Sadurniño


O alcalde de San Sadurniño, Secundino García Casal, dirixiuse esta mañá por escrito á Inspección Educativa da Xunta de Galicia para expresar a preocupación do Concello ante a posibilidade de que se reduzan as prazas do comedor escolar do CPI. A alarma xerouse tras unha mensaxe enviada ás familias pola aplicación ABALAR, onde se advertía da necesidade de contar con máis persoas voluntarias para manter o servizo con normalidade. García Casal insta á Xunta a garantir a continuidade do comedor sen recortes, acudindo, se fose preciso, ás fórmulas previstas no decreto que regula este servizo.

A comunicación municipal prodúcese despois de que o pasado 5 de agosto as familias recibiran un aviso no que se lles informaba de que, das 13 persoas voluntarias necesarias para atender o comedor, só había confirmadas tres. Segundo o contido desa mensaxe, de non incrementarse o número de colaboradoras, “habería que reducir drasticamente as prazas de comedor”. Esta advertencia xerou unha grande inquedanza entre a comunidade educativa, especialmente ao terse producido en pleno período vacacional e sen posibilidade de contacto co equipo directivo do centro.

O alcalde explica que “o CPI San Sadurniño atende alumnado non só deste municipio, senón tamén de Moeche, Narón e Neda”, o que implica unha grande dispersión xeográfica. Neste contexto, lembra que o comedor é “un servizo esencial para garantir a igualdade de oportunidades”, dado que moitas nenas e nenos percorren longas distancias para ir á escola. A día de hoxe, o comedor está catalogado como tipo D e conta cunha demanda que rolda, uns anos con outros, 270 comensais.

García Casal sinala que “é lóxico” facer chamamentos á colaboración das familias, “pero sempre cun ton pedagóxico e motivador, nunca xerando medo ou incerteza”. Por iso, solicita á Inspección que se dean instrucións para repetir a convocatoria de voluntariado “con outra formulación máis axeitada” e que, no caso de non acadar o número mínimo de persoas colaboradoras, se active o previsto no Decreto 132/2013, que contempla tanto compensacións ao persoal dos centros como a posibilidade de contratar empresas externas para garantir o servizo.

O escrito tamén lembra que o propio decreto define o comedor escolar como “un recurso educativo de carácter complementario, compensatorio e social”, pensado para eliminar desigualdades derivadas do illamento e da dispersión poboacional. Nese sentido, o Concello reclama que a Consellería de Educación “asuma a súa responsabilidade” e garanta todas as prazas do comedor escolar.

Finalmente, o alcalde solicita que se lle traslade ás familias, polos mesmos medios que se usaron para o aviso inicial, a información relativa ás solucións que se vaian adoptar. “É fundamental tranquilizar á comunidade educativa e asegurar que todas as nenas e nenos que o precisen poidan continuar facendo uso do comedor sen restricións”, conclúe o escrito.

Deja un comentario