Thursday 07 de August de 2025

Paderne aproba as contas máis elevadas da súa historia, un 11% máis que no anterior exercicio e priorizando os servizos sociais


• O documento económico ascende ata un total de 2.590.099 euros, que por primeira vez inclúe unha partida para o contrato de lacería.

O Concello de Paderne aprobou, no Pleno celebrado onte ás 21:00 horas, o orzamento municipal para este ano 2025. O documento económico é o máis elevado da historia do municipio, ascendendo ata os 2.590.099 euros, o que supón un incremento do 11% respecto do de 2024.

O goberno local, dirixido polo alcalde, Sergio Platas, volve poñer no centro das súas políticas ás persoas, pois o gasto social leva unha suma importante de diñeiro. Nomeadamente, en gasto social, clave nun concello como Paderne dada a elevada idade da veciñanza, ten unha partida orzamentaria dun total de 528.663,87 euros.
As contas foron aprobadas grazas ao voto dos catro concelleiros do PSOE e o do representante do BNG. Pola súa banda, o PP votou en contra do documento, mentres que o edil non adscrito, Salvador García, abstívose. Deste xeito, o voto de calidade do alcalde permite sacar adiante un documento “que evita que Paderne caia na parálise e continúe atendendo da mellor maneira as demandas dos seus veciños e veciñas”.

Outras partidas para o eido social son, por exemplo, as relacionadas coa cultura, onde sobresaen as que se adican a actividades como os premios do Entroido, o concurso de fotografía, subvencións culturais ou premios literarios. Estas contas teñen como novidade a inclusión dunha partida para axudas escolares e á natalidade.

O rexedor padernés agradece “a todas as persoas implicadas na redacción deste orzamento, así como a quen escoitou e aportou”, a súa colaboración para “poder seguir facendo que Paderne avance e facer mellor a vida da nosa veciñanza”.
Noutro dos puntos a tratar na sesión, o goberno local propuxo como días festivos o Martes de Entroido e o 18 de agosto, aprobados por unanimidade. Serán, así, días non lectivos no calendario de 2026.

Deja un comentario