Thursday 07 de August de 2025

A Pobra impulsa o seu tecido económico cunha nova edición da campaña Comercio na rúa


· A iniciativa, promovida pola Concellería de Promoción Económica, arrincará mañá, venres 8 de agosto, e prolongarase ata o domingo, día 10.

Unha decena de negocios locais tomarán, literalmente, as rúas da Pobra do Caramiñal. Todo grazas a unha nova edición da campaña Comercio na rúa da Concellería de Promoción Económica. Ademais da propia exposición dos artigos de cada establecemento, a programación incluirá diferentes actividades de dinamización coas que se busca cumprir un claro obxectivo: “dar a coñecer a ampla variedade de locais que conforman o tecido económico do municipio e promover o comercio de proximidade”, incidiu a concelleira da área, Amparo Cerecedo, durante a presentación da nova convocatoria. A iniciativa arrincará mañá, venres 8 de agosto, e prolongarase ata o domingo, día 10, na praza do Emigrante.

O calendario de actividades completarase con obradoiros e actuacións musicais cos que se persegue estimular as compras e atraer a público maior. Así, o venres, ás 21.30 horas, levarase a cabo un taller de bailes latinos con Tania Dorca. O sábado, ás 21.00 horas, Cristian Leggiero e Paty Lesta tomarán a remuda cunha actuación musical, e o domingo, ás 12.00 horas, Arrancadeira dirixirá outro obradoiro de baile tradicional.

As persoas interesadas en facer as súas compras nos locais adheridos poderán achegarse o venres, de 19.00 a 23.00 horas, e o sábado e domingo, de 11.00 a 23.00 horas. Nesta ocasión, son dez os establecementos participantes: Burbujas, FinaCampaña, El armario de mi amiga, Azafrán, LuscoFusco, El armario de Alia, Noites de Datura, Flow de Meiga, Jéssica Tahim e Mil Colores.

A concelleira de Promoción Económica anima á veciñanza a tomar parte no programa e a apoiar aos comercios da Pobra, aos que definiu como “unha peza esencial da nosa riqueza como municipio”.

Deja un comentario