Thursday 07 de August de 2025

O Concello de San Sadurniño abre o prazo de inscrición na XVI Feira Rural


O evento celebrarase o sábado 30 de agosto na zona da Cortiña

A Feira Rural de San Sadurniño converteuse xa nun referente para a promoción do medio rural como un medio vivo e con futuro. O sábado 30 de agosto celebrarase ao pé do paseo fluvial do Xubia a 16ª edición, que volverá combinar mercado da terra, concurso de froita, exposicións e unha chea de propostas paralelas para todas as idades que buscan iso, mostrar as oportunidades de desenvolvemento vencelladas ao agro e o medio ambiente. Os expositores e expositoras interesadas en asistir teñen ata o 25 de agosto para presentar as súas solicitudes.

A superficie máxima que se pode pedir son 15 metros liñais, agás no caso de viveiros e maquinaria agrícola, que poderán ocupar ata 25 metros de frontal no espazo que se lles asigne. As cotas están fixadas en 10€ ata 5 metros de frontal por 5 metros de fondo, 25€ de 6 a 15 metros por 5 metros de fondo e 60€ se o posto ten entre 16 e 25 metros liñais e 8 metros de fondo. As entidades sen fins de lucro poderán instalarse gratis, previa solicitude, sempre e cando non instalen expositores maiores de 5 metros de frontal por cinco de fondo.

As anteriores cotas incrementaranse en 10 euros máis se se solicita unha toma de electricidade, independentemente da superficie. Como vén ocorrendo nos últimos eventos, quen non teña carpa poderá solicitar que lla instale o Concello, cun prezo de 121€ se é de 3×3 metros ou de 242€ se se trata dunha estrutura de 5×5 metros.

As peticións, coma sempre, teñen que cursarse cubrindo o formulario normalizado que proporciona o Concello, onde tamén figura a declaración conforme se aceptan as condicións de participación na feira recollidas no regulamento, como por exemplo o horario de entrada no recinto, a obriga de ter o posto montado ata polo menos as 20:00h ou o requisito de garantir tanto a hixiene como a recollida dos refugallos que xere cada actividade.

De novo, aqueles postos que identifiquen o seu produto como ecolóxico deberán acreditalo achegando coa solicitude a correspondente certificación -do CRAEGA ou de calquera outro organismo oficial de control- e, de igual maneira, os que se dediquen á artesanía tamén terán que contar co rexistro como obradoiro de artesanía, ademais de achegar coa solicitude imaxes do tipo de artigos que van vender. Segundo as normas de participación, estes últimos deberán “estar realizados artesanalmente en todo o seu proceso”.

As solicitudes poden achegarse por calquera das seguintes vías: presencialmente no Rexistro do Concello ou na Casa da Cultura -en horario de mañá de luns a venres-, na Sede electrónica municipal, ou ben mandándoo por correo postal ao enderezo “Concello de San Sadurniño. Lugar do Casal 16, 15560, San Sadurniño, A Coruña”. O último día de prazo é o 25 de agosto.

O listado de postos admitidos publicarase o 26 de agosto na web municipal. A partir dese momento os expositores e expositoras deberán efectuar o pagamento da cota que lles corresponda. Os importes que toquen en cada caso -segundo a superficie e se se pide ou non punto de electricidade- poden satisfacerse presencialmente no Concello mediante TPV ou efectuando unha tranferencia bancaria á conta ES74/2080/0208/0131/1000/0059, indicando no concepto “Inscrición Feira Rural 2025” e o nome da persoa responsable do posto. Para acceder ao recinto na mañá do sábado 30 de agosto será necesario presentar o resgardo do pagamento.

Se se precisa máis información pódese contactar co departamento de Desenvolvemento local a través do correo agustin.perez@sansadurnino.gal ou chamar en horario de mañá de luns a venres ao 616 332 919.

Deja un comentario