
A deputada provincial de Infraestruturas Viarias e Obras, Mónica Rodríguez, achegouse ata Carballo para seguir traballando en distintos proxectos de mellora da mobilidade rodada e peonil na extensa rede viaria provincial que existe no noso concello. Desde o goberno municipal, representado pola alcaldesa en funcións, Belén Lendoiro, e un bo número de concelleiros e concelleiras, trasladóuselle a necesidade de avanzar dun xeito decisivo cara a execución de actuacións estratéxicas e longamente demandadas pola veciñanza.
Para o goberno municipal de Carballo, como se ten reiterado, hai dous proxectos prioritarios: a construción dunha senda peonil na parroquia de Oza, ao longo da estrada de Razo, e a ampliación da estrada da Pedra do Sal, dado o elevado volume de tráfico que ten, sobre todo no verán. Ámbalas vías son de titularidade da Deputación da Coruña. Por parte do Concello ofreceuse a colaboración necesaria para que estas actuacións poidan materializarse o antes posible.
En canto á rúa Compostela, que tamén é provincial e quedara pendente de arranxo por mor das obras de Augas de Galicia, Mónica Rodríguez informou de que sairá a licitación en breve. A Deputación realizará un investimento de máis de 200.000 euros para mellorar a accesibilidade no treito comprendido entre a rotonda da Milagrosa e o cruce coas rúas Emilio González López e José María Castroviejo. Tamén se levará a renovación das redes de servizos e da capa de rodaxe.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.