Wednesday 06 de August de 2025

O Concello solicita á Xunta que intermedie no conflito entre cooperativistas e Galivivenda polo proxecto de vivendas de aluguer social en Xuxán


O Goberno municipal esíxelle á Consellería unha solución que permita ás persoas afectadas acceder a unha vivenda a un prezo asequible

O concelleiro de Urbanismo, Rehabilitación e Vivenda, Francisco Díaz Gallego, reuniuse este mércores con representantes dos e das cooperativistas das parcelas da Xunta de Galicia adxudicadas a Galivivienda Sociedade Cooperativa. Estas persoas manteñen un conflito aberto polo cambio nas condicións para poder acceder ás súas vivendas de aluguer no barrio de Xuxán. Na reunión tamén estivo presente a subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas.

As persoas asistentes trasladaron ao concelleiro d a subdelegada os problemas que están a ter con Galivivienda Sociedade Cooperativa e coa xestora Gesvieco, e que, polo que informaron, foron trasladados a consellería de Vivenda no mes de xullo. Segundo manifestaron os afectados, no mes de xuño Galivivienda Sociedade Cooperativa convocou unha asemblea na que se acordaron cambios nas condicións dos cooperativistas sen estar presentes os mesmos, e se lles insta a aceptar ditas condicións ou ben a abandonar o proxecto. “Estas novas condicións dificultan o acceso dos cooperativistas a unha vivenda a prezo asequible, o cal era a filosofía do proxecto impulsado pola Xunta de Galicia, e desde o noso punto de vista vulneran as condicións dos pregos polos cales foron adxudicadas ditas parcelas”, sinala Francisco Díaz Galego, que hoxe mesmo remitiu nunha carta á Conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue para esixirlle que tome medidas.
“Desde o Goberno de Inés Rey compartimos a preocupacións das persoas cooperativistas afectadas e solicitamos á Xunta de Galicia a súa intermediación con Galivivienda Sociedade Cooperativa para que se poidan manter as condicións pactadas inicialmente”, sinala Díaz Gallego.

En caso de que esto non sexa posible, o Concello solicitará que se resolva o contrato de cesión de superficie e se recuperen as parcelas públicas para iniciar un novo procedemento, ou a súa promoción directa por parte da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas.

A subdelegada pola súa banda, comprometeuse a trasladar estas inquedanzas con celeridade ao Ministerio de Vivenda e Axenda Urbana, e lembrou que a interlocución cos cooperativistas é fluída e constante, como proba a reunión mantida en xuño con eles e co Delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, ou xuntanza que o director General de Vivienda e Suelo, Francisco Javier Martín Ramiro, mantivo cos cooperativistas no mes de maio.
“Dende o Goberno de Inés Rey estamos seguros que, como administracións comprometidas coa solución a emerxencia habitacional que se está a vivir na nosa cidade, contaremos coa súa colaboración e compromiso na resolución deste problema para evitar así os graves perxuízos que estan a sofrer os e as cooperativistas”, apunta o concelleiro na carta remitida este mércores á Xunta de Galicia.

Deja un comentario