
O parque Luís Seoane de Santa Cruz acolleu a inauguración da XXXI edición de Alfaroleiros. O acto contou coa participación de decenas de persoas, así como da presenza do alcalde de Oleiros, Ángel García Seoane, e do presidente da Deputación, Valentín González Formoso.
Durante a súa intervención, o alcalde Ángel García Seoane subliñou a importancia urxente de facelo nos tempos que corren: “Cando o plástico invade todo o habido e por haber, é preciso volver á terra, á olería e preservar ás persoas que manteñen vivo este legado e o transmiten co paso dos anos”.
O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, destacou o firme compromiso do Concello de Oleiros coa defensa e proxección desta tradición, visible na celebración da feira, no apoio aos oleiros e mesmo na existencia do Museo Os Oleiros. “A Deputación non pode estar afastada desta aposta. Sendo socia preferente do Concello de Oleiros por múltiples razóns, a cultura está por riba de todo”, afirmou.
Pola súa banda, a concelleira de Cultura, María José Santos, puxo en valor a vixencia do oficio oleiro “nun mundo onde parece primar o superficial, o inmediato e o desbotable”, subliñando que este traballo artesanal nos lembra o valor da tradición, da cultura popular e da importancia de manter viva unha herdanza secular.
A feira rematará o domingo 10 de agosto. Ata ese día, os 26 oleiros que participan nesta feira expoñerán e venderán as súas pezas en horario de 10:00 a 22:00 horas. Tamén haberá numerosas actividades culturais e de ocio, dirixidas a todos os públicos. Para hoxe mércores está programado ás 21h o concerto de Catuxa Salom. Live Band Trio, no Parque Luís Seoane; e para mañá xoves un espectáculo de maxia da man de Martín Camiña “2 ilusionistas cunha menciña contra o fastío”, ás 20h, e o espectáculo Na Cerna do Son, danza, música e poesía, ás 21:30.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.