Publícase a listaxe das persoas seleccionadas para participar na edición de abril do programa TecEuropa de especialización en financiamento comunitario
A Fundación Galicia Europa (FGE) vén de publicar na súa páxina web a lista coas 20 persoas seleccionadas para participar na edición de abril do programa TecEuropa de especialización en financiamento comunitario. Esta actividade enmárcase dentro dos obxectivos da FGE de formación e fomento de participación de entidades galegas en proxectos europeos.
O programa desenvolverase entre Bruxelas e Santiago de Compostela. Durante a estadía de formación en Bruxelas, os participantes recibirán unha formación especializada sobre o marco financeiro comunitario 2014-2020, ademais de visitar as sedes das institucións europeas co obxectivo de coñecer de primeira man a súa importancia e funcionamento. Por outro lado, durante os dous días de formación en Santiago, abordaranse os aspectos prácticos para acceder e xestionar os fondos comunitarios.
Perfís dos/as participantes
Vinte técnicos/as de entidades públicas e privadas galegas como a Xunta de Galicia, o Centro Tecnolóxico de Automoción de Galicia (CTAG), o Grupo Compostela de Universidades (GCU), a Asociación Téxtil de Galicia, Conxemar, a Agrupación Europea de Cooperación Territorial Galicia Norte de Portugal (AECT-GNP) o Concello de Santiago de Compostela, a Universidade da Coruña, Emaús Fundación Social de Galicia e a Federación Alzheimer Galicia (FAGAL) son as entidades beneficiarias do programa.
Con esta actuación, a FGE pretende continuar co seu compromiso de impulsar a participación das entidades públicas e privadas galegas na captación de fontes de financiamento comunitario que permitan executar todo tipo de proxectos en beneficio do tecido produtivo e da sociedade galega en xeral.
Así mesmo, esta actividade formativa pretende constituír unha rede de técnicos/as de proxectos europeos en Galicia coa que facilitar os contactos entre os xestores dos proxectos europeos en Galicia, a presentación de proxectos conxuntos e un mellor aproveitamento e impacto dos fondos europeos na nosa comunidade.