Wednesday 06 de August de 2025

A Xunta dá luz verde ambiental condicionada á implantación dun campamento turístico en Boimorto


— A resolución da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático non prevé que a instalación teña efectos adversos significativos na contorna sempre que se cumpran as condicións fixadas no propio informe ambiental e na documentación avaliada

— A nova instalación estará composta por catro edificacións estables e prefabricadas tipo bungaló e un edificio principal que acollerá lavandaría, aseo, recepción e tenda

A Xunta de Galicia acaba de dar luz verde ambiental ao proxecto para implantar un campamento de turismo no lugar do Ribeiro, no concello coruñés de Boimorto, concretamente, nunha parcela agrupada cunha superficie total de 12.926 m2.
Segundo se conclúe no informe de impacto ambiental (IIA) emitido pola Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático —cuxa resolución foi anunciada hoxe a través do Diario Oficial de Galicia— non son previsibles efectos adversos significativos sobre a contorna derivados deste proxecto, sempre e cando se cumpra cos condicionantes fixados tanto no documento ambiental e na restante documentación analizada, como na propia resolución da Xunta.
Neste sentido, o informe foi elaborado no marco do procedemento de avaliación de impacto ambiental simplificada desta iniciativa empresarial, un trámite no que a documentación presentada polo promotor foi sometida a participación pública, sen que se recibise ningún escrito ou alegación ao respecto, ao tempo que se someteu a consultas por parte dun total de oito organismos interesados.
No marco deste trámite, a maioría de entidades realizaron a valoración correspondente do proxecto e estableceron unha serie de condicionantes que se engaden aos incluídos no propio programa de vixilancia ambiental que recolle a resolución da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade.
Así, esas avaliacións consideran que o proxecto non vai ter impactos significativos nos distintos eidos analizados e que sería viable a súa posta en marcha cumprindo certos requisitos establecidos nos seus respectivos informes con relación a aspectos tales como a protección da atmosfera, poboación e saúde, das augas e leitos fluviais, do solo e as infraestruturas, da xestión de residuos ou do patrimonio natural.
Unha vez emitido o IIA, que non exime ao promotor da obriga de obter todas as autorizacións, licenzas, permisos ou informes que resulten legalmente exixibles para poder desenvolver o proxecto, a Consellería procedeu hoxe a darlle publicidade ao seu contido a través do correspondente anuncio publicado no Diario Oficial de Galicia e da súa posta á disposición a través da páxina web da Consellería. Ademais, remitirase ao órgano substantivo, que neste caso é a Axencia Turismo de Galicia.
Características do proxecto
O obxecto do proxecto é a implantación dun campamento de turismo nunha parcela agrupada cunha superficie total de case 13.000 metros cadrados, dos cales as instalacións proxectadas ocuparán 5.227 m2.
O novo establecemento turístico estará constituído por catro bungalós prefabricados, cunha capacidade de aloxamento máxima prevista para 16 usuarios, e a construción dun edificio ou módulo principal á entrada das instalacións que albergará os servizos de recepción, bar, tenda, lavandería, aseos e outras instalacións necesarias para o seu funcionamento.
Cara ao interior da parcela dispoñeranse os terreos destinados ás edificacións previstas como unidades de aloxamento, que se disporán arredor dun eixo de circulación lateral, reducindo os desprazamentos e o uso de vehículos dentro do campamento. Tamén contará con cinco prazas de aparcamento na entrada, unha delas adaptada, e o resto da parcela será unha zona común libre, dedicada á organización de eventos para os residentes e a espazos de lecer.

Deja un comentario