
A cidadanía poderá presentar achegas ata o 1 de setembro a través do formulario habilitado na web municipal
O Concello da Coruña vén de abrir o trámite de consulta pública previa para o anteproxecto da Ordenanza municipal reguladora do Servizo de Axuda a Domicilio, unha medida coa que o Goberno de Inés Rey continúa avanzando na modernización e fortalecemento dos servizos sociais municipais. Esta futura ordenanza, que se prevé que entre en vigor nos próximos meses, busca establecer un marco normativo claro, equitativo e centrado na persoa para regular este servizo esencial no ámbito da atención domiciliaria, que se desenvolve dentro do termo municipal.
A cidadanía disporá dun prazo de 20 días hábiles dende a publicación da mesma, con data 4 de agosto e ate o 1 de setembro de 2025, ambos incluídos, para presentar as súas achegas a través do formulario habilitado na web municipal, accesible desde o seguinte enlace:https://www.coruna.gal/servizossociais/gl/servizos/consulta-publica-previa-ordenanza -servizo-de-axuda-a-domicilio. Trátase dun trámite que cumpre co disposto no artigo 133 da Lei 39/2015 do Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas, e que permite incorporar ao proceso de elaboración normativa a opinión das persoas, entidades e organizacións potencialmente afectadas pola futura regulación.
A nova ordenanza ten como obxectivo ordenar e actualizar as diferentes modalidades do servizo —como o SAF dependencia, SAF básico e as intervencións por urxencia social—, establecer os criterios de acceso, a intensidade da prestación, o seu seguimento e finalización, así como un sistema de copago progresivo baseado na capacidade económica das persoas usuarias, garantindo os principios de equidade, solidariedade e sustentabilidade. Ademais, fomentará a elaboración de proxectos individualizados de intervención, recoñecerá os dereitos e deberes das persoas usuarias, reforzará o carácter preventivo e comunitario do servizo e promoverá a coordinación interinstitucional e a participación cidadá no seu deseño e mellora continua.
A concelleira de Benestar Social, Participación e Igualdade, Nereida Canosa, destacou que “con esta consulta pública queremos que a ordenanza nazca coa voz da veciñanza, das entidades sociais e das persoas usuarias pois son as que coñecen de primeira man o servizo”. Engadiu tamén que dende o Goberno “apostamos por unha intervención social próxima, profesional e centrada na persoa e esta ordenanza é unha ferramenta clave para garantir un servizo que chegue de forma áxil a toda a poboación que o precise”.
Esta nova ordenanza responde á necesidade de actualizar e adaptar a normativa municipal vixente, publicada no BOP en 1999, á actual contorna lexislativa e social, en consonancia coa Orden do 22 de xaneiro de 2009 que regula o SAD en Galicia e coa Lei 39/2006 de Promoción da Autonomía Persoal e Atención á Dependencia.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.