
§ “Sabíamos que a Xunta ía poñer paus nas rodas, e o que non pode facer o goberno local é darlle escusas ás que o Partido Popular se poida aferrar” critica Rosón que reclama ao executivo de Sanmartín que atenda aos requirimentos formulados pola administración autonómica para conseguir a declaración
§ Lembra que un informe do propio Instituto Galego de Vivenda e Solo do 2023 sinalaba que 12 dos 17 códigos postais de Santiago presentaban un problema de tensión habitacional
Mercedes Rosón criticou este mércores a decisión da Xunta de Galicia de desestimar a solicitude para declarar Santiago como zona de mercado residencial tensionado. A concelleira non adscrita cualificou esta decisión como unha “falta de respecto”, toda vez que, entre os argumentos que esgrime a administración autonómica para non conceder a declaración, está que a documentación que se achega desde Raxoi “non xustifica adecuadamente” que Santiago sufra un problema de tensión habitacional. Neste sentido, lembra Rosón que un informe do propio Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) do 2023 xa identificaba Compostela como concello tensionado.
“A propia Xunta sinalaba nese informe que dos 17 códigos postais de Santiago, 12 tiñan un problema de tensión habitacional” explica Rosón que, insiste en que está “máis que xustificada” a declaración de zona tensionada para topar o prezo dos alugueiros, “e a Xunta sábeo”. Así as cousas, Rosón sinala que o problema que motiva a denegación é outro, e critica que “o de menos” sexa poñer en marcha políticas que faciliten o acceso á vivenda: “o que importa aquí, nesta absurda competencia na que se teñen embarrado Partido Popular e BNG, é ver quen da máis”.
Rosón acusa ao BNG de “pecar de soberbia” ao non atender aos requirimentos que a Xunta formulou en xullo ao Concello de Santiago e que implicaban modificar o Plan Específico de Medidas Correctoras e reformular o documento de diagnose empregando datos oficiais e non dun portal inmobiliario. Deste xeito, asegura que o goberno local “entrou ao xogo que buscaba ao Partido Popular”, entrando nunha “competición” na que, os que perden, lembra, “son as as nosas veciñas e veciños, e aquelas veciñas e veciños que non poden chegar a selo porque non poden acceder a un alugueiro co seu salario”.
“Deixémolos sen escusas e forcemos a declaración de zona tensionada”
“Sabíamos que a Xunta ía poñer paus nas rodas, e o que non pode facer o goberno local é darlle escusas ás que o Partido Popular se poida aferrar” asegurou este mércores Mercedes Rosón, que chamou ao goberno local a “desactivar” esas escusas atendendo a todos os requirimentos que formule a Xunta: “pediron un novo informe, pois fagámolo; piden que se reformule o plan de medidas correctoras, reformulémolo. Deixémolos sen escusas e forcemos a declaración de zona tensionada” defendeu.
A concelleira non adscrita explicou que esta actitude, a que lle piden ao goberno local, “non é porque queiramos dobregarnos ás esixencias da Xunta, senón porque o fin é máis importante que ver quen da máis”. Neste sentido, lembrou que a vivenda é o principal problema identificado pola cidadanía de Santiago segundo os últimos datos estatísticos polo que, ante esta situación reclama a Xunta e Concello que “volvan á senda do diálogo”.
Piden así as concelleiras non adscritas que se convoque unha reunión de urxencia para desbloquear esta cuestión e que se fagan “tantos informes como sexa preciso para desmontar tódalas escusas do Partido Popular”. Neste sentido, lembran que o PP xa anunciara un recurso ao Constitucional da Lei polo Dereito á Vivenda que habilita esta posibilidade da declaración de zona tensionada para topar o alugueiro: “o mesmo Partido Popular que, na adaptación galega da lei estatal, incrementou as esixencias para acceder a declaración e, que agora denega unha solicitude sen ningún sustento porque, nin o plan específico de medidas correctores é unha esixencia para denegar a solicitude nin existe dúbida de que Santiago teña un problema de tensión habitacional” conclúe.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.