
— A intervención ten un prazo de execución de nove meses e ten como finalidade modernizar as instalacións do edificio, que ten unha antigüidade de máis de 40 anos
— Mudaranse as cubertas, aplicarase illamento térmico na fachada e instalaranse novas fiestras, falsos teitos e luminarias, entre outros traballos
— A actuación enmárcase no Plan de nova arquitectura pedagóxica, ao abeiro do que a Xunta impulsa este ano 131 obras por máis de 44M€ na provincia da Coruña
A Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP licita hoxe por máis de 2,5M€ a rehabilitación integral do Centro Integrado de FP Ánxel Casal – Monte Alto, da Coruña. A intervención ten un prazo de execución de nove meses e ten como finalidade modernizar as instalacións do edificio, que ten unha antigüidade de máis de 40 anos
Para iso, acometerase a renovación total da envolvente do centro. Isto inclúe o cambio de cubertas e carpinterías metálicas, así como o illamento das fachadas. No que atinxe á cubrición, colocarase unha nova de panel sándwich de chapa de aceiro galvanizado con recheo de escuma de poliuretano de 30 mm de espesor. Na zona de talleres instalarase panel sándwich de 80 mm, substituíndo canlóns e baixantes. Nas fachadas aplicarase sistema de illamento térmico de diferentes tipos, en función das necesidades de cada zona.
As novas carpinterías metálicas serán de aluminio con rotura de ponte térmica e vidros dobres tipo climalit. Mudaranse tamén as persianas actuais por unhas de aluminio con lamas con illamento térmico a base de escuma inxectada de poliuretano e substituiranse as súas caixas por unhas compactas.
O programa da intervención inclúe a renovación dos falsos teitos, que serán rexistrables constituídos por panel acústico autoportante de la de roca, así como a Instalación de nova iluminación de tipo LED, equipos de regulación e equipos de detección de movemento na totalidade do centro. A maiores, acometeranse tarefas de pintado e sinalización.
131 obras na provincia
A obra do centro coruñés enmárcase no Plan de nova arquitectura pedagóxica, a folla de ruta coa que a Xunta está a modernizar as instalacións dos centros educativos de Galicia, facéndoas máis eficientes desde o punto de vista enerxético, incrementando a súa funcionalidade e adaptándoas ás necesidades do ensino do século XXI.
O Goberno galego está a acometer este ano 131 actuacións en centros educativos da provincia da Coruña cun investimento total de 44M€. Entre elas hai 31 grandes intervencións cun orzamento de 43M€, que inclúen a rehabilitación integral do CIFP FP Ánxel Casal – Monte Alto ou ampliación do Instituto IES de Pastoriza (Arteixo, 2M€).
Ademais, execútanse outro cento de actuacións de menor envergadura, por importe de preto de 1,2M€ en colexios e institutos de 79 concellos da provincia no marco do Plan de benestar e accesibilidade na escola (Plan BEN_Estar 2025). Neste apartado englóbanse actuacións como reparacións varias, traballos de pintura, pequenas reformas da instalación eléctrica, de fontanería, saneamento e baños ou calefacción. Tamén melloras en patios, cambios puntuais de fiestras, portas ou lucernarios, renovación de equipamento de cociña ou adaptación de espazos, entre outros.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.