Wednesday 06 de August de 2025

84 ciclistas participan na cronoescalada coa que arrancan este venres as festas do San Roque, en Naraío


A proba amadora empezará a rodar ás 18:00 deste venres 8 de agosto con saídas cada minuto

O trazado discorre por 3,4 quilómetros de pista entre o campo da festa de Naraío e o lugar de Quintiá

 

Os algo máis de 3 quilómetros de pistas que van desde a polideportiva da Veiga ata Quintiá, en Naraío, serán na tarde deste venres 8 de agosto o velódromo polo que discorrerá unha nova edición, e van tres, da Cronoescalada Sanrockeira. A proba, que leva trazas de se converter en clásica, cadra co inicio das festas na honra do santo patrón da parroquia e volverá reunir un bo número de amantes das dúas rodas e dos desafíos. Ao peche das inscricións, a contrarreloxo convocou un total de 84 ciclistas, 48 en bici de estrada e 36 en bicicleta de montaña, que afrontarán un desnivel positivo próximo aos 500 metros, a maior parte deles condensados no último quilómetro do percorrido. A Sanrockeira empezará a rodar ás 18:00h con saídas de cada minuto. O trazado estará aberto ao tráfico, aínda que con persoas da organización restrinxindo a circulación no momento do paso de participantes. Por esta razón aconséllase que entre as 18:00h e aproximadamente as 20:00h se busquen, dentro do posible, itinerarios alternativos ao circuíto.

Todas as persoas apuntadas poderán retirar os seus dorsais ata xusto antes do comezo da crono, presentando para iso a súa licenza federativa ou o carné. Coa inscrición,canda o dereito a participar na subida, tamén terán cobertura dun seguro. Ademais, a organización tomará os tempos con chip e contará nas inmediacións cunha ambulancia e equipo sanitario ante posibles incidencias. Na chegada haberá avituallamento para todas e todos os participantes, que poderán regresar á saída polo mesmo camiño respectando o avance de quen aínda estea subindo. De feito, en 2023 e 2024 houbo quen completou o percorrido dúas veces, unha en bici de montaña e outra en bici de estrada.

Este ano mantéñense as mesmas categorías que o pasado: Absoluta (de 18 a 49 anos) e Máster 50 (para maiores de 50), tanto en homes como en mulleres e diferenciando as clasificacións das bicicletas de carreiras e das btt. O itinerario discorre sobre firme aglomerado, algo que favorecerá ás monturas de roda estreita e razón pola que a organización dividiu a proba nesas dúas modalidades, sabedora de que a evolución con roda ancha é, a priori, máis lenta.

Lento ou rápido, o trazado é un desafío factible para calquera con costume de andar na bici, pero para o que fai falla ter moita práctica se se queren rexistrar bos tempos. O primeiro quilómetro, entre a pista polideportiva da Veiga e a Cernada (polo camiño novo de Lourido) ten escasa dificultade, con costas suaves, algún segmento chan e incluso algunha baixada. A cousa complícase na volta do rego, a 2,4 km da meta, onde empeza un ascenso ininterrompido -só hai algo de alivio ao pasar polo cruzamento de Lourido- ata practicamente o final, cuns últimos metros en terreo chan de novo no que será posible esprintar para ganar algúns segundos.

Toda a proba son 3,4 quilómetros de distancia, un suspiro en termos ciclistas que, porén, tira seriamente polo alento de calquera deportista debido ao desnivel que cómpre salvar neses últimos dous quilómetros, nos que se pasa dos 75 metros sobre o nivel do mar ata os 275, o que dá idea do peado da costa que agarda ás e aos ciclistas.

A pista estará aberta ao tráfico durante o transcurso da proba. De aí que se lle pregue a máxima precaución tanto ás persoas participantes como ás usuarias da vía, a quen tamén se lles pide que, de ser posible, usen itinerarios alternativos entre as 18:30 e as 20:00h, hora estimada de remate da crono.

Levarán trofeo os tres mellores tempos masculinos e femininos de cada categoría. Ademais tamén se lle entregará galardón a quen fagan os mellores rexistros femininos e masculinos tanto na xeral en estrada como na xeral en BTT. Hai trofeos, por último, para a muller e o home de maior idade e para as dúas persoas de San Sadurniño que queden mellor clasificadas.

A III Cronoescalada Sanrockeira está organizada pola Concellaría de Deportes coa colaboración do Club MTB Biela e Chaveta e a comisión de festas de Naraío, onde honrarán ao San Roque esta fin de semana.

Festa en Naraío de venres a domingo
O programa festivo iníciase na noite do mesmo venres da cronoescalada. Ás 22:00h actuará o sempre solvente e marchoso Grupo Pasión, nunha verbena que rematará tarde e na que incluso haberá petiscos (ata que se acaben).

O sábado hai prevista misa ás 13:30h, lanzamento de foguetes e sesión vermú co Grupo Jaque, que repetirá pola noite na compaña da Charleston Big Band.

O domingo, último día deste San Roque de cedo, volverá haber misa con procesión ás 13:30h -acompañada de gaitas da escola municipal-, seguida a continuación dunha grande traca de “fuegho” que, seguramente, responda con estouraría aos estalos da función do cercano San Lourenzo de Doso. Este ano en Naraío só haberá festa ao mediodía, seguindo a moda das sesións vermú longas. A parte musical será cousa do grupo Nueva Fuerza. Por se alguén quere picar algo entre baile e baile, na pista instalarase un polbeiro.

Se chove, algo que parece pouco probable segundo Meteogalicia, tamén haberá carpa.

Deja un comentario