A recuperación das especies autóctonas posibilitaron a solicitude de inscrición no rexistro comunitario da Indicación Xeográfica Protexida Pan Galego
O Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM), dependente da Consellería do Medio Rural, leva traballando desde 1996 na recuperación do trigo galego, coa intención de dispoñer dunha produción importante, estable e organizada dunha ou máis variedades de trigo autóctono, con garantía de autenticidade varietal, coas que abordar a fabricación dun pan galego de alta calidade.
A recente publicación da resolución da Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias pola que se dá publicidade á solicitude de inscrición no rexistro comunitario da Indicación Xeográfica Protexida Pan Galego, vén a mostrar a consecución de dito obxectivo demandado.
Así, durante o período 1997-2015, establecéronse varios convenios de colaboración que deron lugar a seis proxectos de investigación. Entre os resultados obtidos destaca o rexistro de dúas variedades de trigo autóctono, Callobre e Caaveiro, no “Registro de Variedades Vegetales” do Ministerio de Agricultura e a creación dun Banco de Xermoplasma de cereais de inverno con 195 accesións de trigo galego, co obxectivo de asegurar a conservación do patrimonio xenético mediante a recollida de ecotipos locais de trigo en 128 concellos de Galicia desde 2003 a 2009.
Tamén se elaborou unha enquisa entre 193 panadeiros para recoller información sobre a fabricación do pan galego, que serviu de base para establecer o prego de condicións da Indicación Xeográfica Protexida “Pan Galego”. O Banco de Xermoplasma serviu ao CIAM para facer unha caracterización agromorfolóxica da metade das accesións de trigo e unha caracterización electroforética dos 195 ecotipos autóctonos de trigo, para coñecer a calidade do grao dos ecotipos autóctonos.
No derradeiro proxecto fixéronse as primeiras probas panadeiras, para determinar a calidade e aptitude dalgunhas fariñas autóctonas para fabricar pan e comezouse cun traballo de mellora xenética para conseguir trigos autóctonos de talla baixa, coa finalidade de incrementar o seu rendemento e evitar o encamado.
Con este traballo, realizado polo CIAM, cúmprense varios obxectivos do departamento que dirixe Ángeles Vázquez, entre os que destaca coidar e valorizar o patrimonio xenético autóctono, contribuír a preservar unha forma artesá de facer o pan de calidade galego, ao mesmo tempo que se fomenta o cultivo de terras agrícolas hoxe en día abandonadas.